Galicia Abriga
Galicia Abriga
O primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos nace en 2024, para que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza poidan saír temporalmente do contexto de risco para a súa integridade física e psicolóxica no que se atopan, debido ao seu labor como defensoras de dereitos.
Agareso forma parte do equipo xestor de Galicia Abriga, xunto con Solidariedade Internacional de Galicia e Ecos do Sur. Responsabilizámonos da comunicación e incidencia.
Anos: 2023-2024
Financiación: Xunta de Galicia
O primeiro Programa Galego de Acollida Temporal a mulleres defensoras de Dereitos Humanos bota a andar en Galicia no mes de xaneiro de 2024, co obxectivo de que mulleres de organizacións e movementos sociais de países nos que a Cooperación Galega ten presenza poidan saír temporalmente do contexto de risco físico e psicolóxico no que se atopan debido ao seu labor como defensoras de dereitos humanos. Naceu como unha iniciativa do sector galego de cooperación internacional, impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD, que identificou a necesidade de ofrecer unha alternativa de protección temporal a mulleres dos países nos que traballan, que polo seu papel de activismo social e político estean sendo ameazadas e acosadas. O programa bebe dos xa existentes en Asturias, País Vasco ou Comunidade Valenciana.
A coordinación de Galicia Abriga, que conta coa súa propia páxina web e perfís en Instagram, Facebook e Youtube, recae na ONGD galega Solidariedade Internacional de Galicia (SIG), mentres que o itinerario de acollemento é responsabilidade da entidade Ecos do Sur. Agareso pecha o trío de entidades responsables do programa, encargándose da parte de incidencia social e política do programa.
Unha das características máis salientable deste programa é o numeroso respaldo que ten doutras entidades do sector como Amigas da Terra, Asemblea de Cooperación pola Paz, Enxenerías sen Fronteiras, Médicos do Mundo, Provivienda, MPDL, Solida e Mulleres Salgadas, que xunto co Fondo Galego de Cooperación e as tres universidades galegas conformarán o grupo de apoio, ofrecendo recursos e asesoría, ademáis de participar nos proceso de selección e avaliación.
As primeiras mulleres defensoras que participarán no programa serán dúas xornalistas e unha deferensora do territorio e dos dereitos das mulleres rurais que descansarán en Galicia do acoso que veñen recibindo por parte das elites económicas e políticas dos seus países, El Salvador e República Dominicana, debido ao seu labor na defensa dos Dereitos Humanos. Está previsto que cheguen a Galicia en maio deste ano, para retornar aos seus países de orixe no verán.
