Radio comunitaria en Centroamérica
Radio Comunitaria en Centroamérica
Ámbito territorial: El Salvador, Guatemala, Honduras e Nicaragua
Data: 2018-2019
Persoas beneficiarias: equipo técnico e voluntariado de emisoras de radio comunitarias centroamericanas.
Contraparte: Fundación Comunicándonos
Financiador: Concello de Santiago
Orzamentos
2018: 26.380,83€
O proxecto Comunitaria Radio é unha plataforma de emisoras e tv comunitarias nada do Encontro Centroamericano de Radios Comunitarias promovido por AGARESO e Fundación Comunicándonos no marco de proxectos de cooperación internacional financiados pola Xunta de Galicia, e que agora conseguiu pórse en funcionamento grazas ao financiamento do Concello de Santiago.
Os obxectivos principais obxectivos:
- Compartir contidos e aproveitar as potencialidades e especialidades de todas as 17 emisoras centroamericanas que a integran.
- Abordar temáticas como defensa de dereitos humanos, igualdade de xénero, medio ambiente e identidade para promover a sensibilización entre as comunidades de base e oíntes das radios comunitarias.
- Ter unha plataforma de difusión en liña que amplíe a cobertura das emisoras analóxicas e sirva de “seguro” no caso de que a emisión analóxica sexa bloqueada, ben por cuestións económicas, meteorolóxicas ou políticas.
- Fortalecer a perspectiva de xénero nas persoas que elaboran información comunitaria para evitar perpetuar a través da comunicación conceptos machistas.
- Na primeira fase deste proxecto participaron as seguintes emisoras:
- Guatemala: AJ Tv, Voz de Racantacaj, Radio Chuwilá, Radio Kastajinel e Radio Sinakan
- Salvador: RTV Izcanal, Radio Guazapa, Radio Mangle, Radio de Todas e Proxecto Hobbies da UCA
- Honduras: Radio Marcala, Radio Azacualpa, RDS Radio, Suyuguare e Voz Morazanista.
- Nicaragua: Radio Vos e Radio Universidad
De 9 emisoras que tiñamos contempladas na formulación pasamos a 17 grazas á convocatoria realizada a través do Encontro Centroamericano de Radios Comunitarias celebrado en San Salvador en febreiro de 2019. Tampouco estaba previsto que formasen parte do proceso radios nicaraguanos, pero solicitaron a súa participación debido á situación de especial vulnerabilidade que viven neste momento en Nicaragua.
O aumento do número de participantes tamén incrementou o número de audios colgados na plataforma Comunitaria Radio, que a día de hoxe conta con 98 podcast: 52 de medio ambiente, 19 de dereitos humanos, 15 de xénero e 12 de identidade. Todos os audios, ademais de estar na plataforma web Comunitaria Radio foron subidos a canles de podcast de uso aberto como Ivoox e Spreaker para que calquera poida escoitalos e aumentar así a súa capacidade de difusión.
Para conseguir que varias destas emisoras tivesen capacidade óptima de conectarse a internet e editar os seus audios transferíronselles 6 equipos informáticos novos ás que tiñan maiores deficientes técnicas: 3 en Guatemala, 2 en Honduras e 1 en El Salvador.
O proxecto ten un compoñente formativo en técnicas de dixitalización das emisoras e en perspectiva de xénero que abordamos a través de talleres teóricos e prácticos levados a cabo en cada un dos países por unha persoa voluntaria de Agareso, profesional da radio, que se desprazou ata Centroamérica en xuño de 2019 e o coordinador local do proxecto, contratado pola Fundación Comunicándonos. En Guatemala formouse a 16 representantes das emisoras, no Salvador a 7 e en Honduras a 21. Para complementar entregáronselle dous manuais en pdf sobre xénero e uso das plataformas edición e difusión de audio.
Para fortalecer as habilidades das e os voluntarios das emisoras comunitarias, promover o traballo en equipo e crear lazos máis aló deste proxecto xerouse o intercambio de experiencias entre a única TV comunitaria guatemalteca, AJ TV, e a única RTV comunitaria salvadoreña, RTV Izcanal. Durante 10 días ámbolos dous equipos traballaron xuntos. Igualmente dúas representantes da única emisora comunitaria integrada exclusivamente por mulleres indíxenas, A Voz de Racantacaj, estiveron 10 días no Salvador aprendendo sobre sustentabilidade das emisoras comunitarias.