La tierra os hará libres. Sepur Zarco
“La tierra os hará libres. Sepur Zarco”, é un documental realizado no marco das actividades do proxecto “Promover política pública de reparación digna e transformadora que garanta unha resposta efectiva no acceso á xustiza de nenas, adolescentes e mulleres de Guatemala. Fase I”, financiado pola Xunta de Galicia a través da Cooperación Galega, e executado por Agareso e Mujeres Transformando el Mundo (MTM).
O obxectivo do documental é reconstruír o proceso histórico e xudicial do caso Sepur Zarco, dando voz ás mulleres sobreviventes e visibilizando as estratexias xurídicas que permitiron, en 2016, a primeira condena dun tribunal nacional por escravitude sexual como crime de lesa humanidade cometido nun conflito armado. A través desta peza audiovisual búscase sistematizar e poñer en valor as aprendizaxes deste caso paradigmático para que sirvan como modelo replicable polo movemento feminista noutros procesos de litixio estratéxico, así como sensibilizar á sociedade guatemalteca e internacional sobre a importancia de garantir unha reparación digna e transformadora ás vítimas de violencia sexual e de xénero. O documental presentarase en eventos públicos, universidades, festivais e redes de dereitos humanos, e publicarase en aberto para maximizar o seu alcance.
Con este traballo queremos contribuír ademáis a que a memoria e a dignidade das mulleres de Sepur Zarco perduren máis alá do propio proceso xudicial, convertendo a súa loita nun referente para outras comunidades que aínda buscan xustiza. O documental súmase ao compromiso de Agareso e MTM coa erradicación da violencia de xénero en Guatemala, achegando unha ferramenta de incidencia e sensibilización de longo percorrido.
La tierra os hará libres. Sepur Zarco
Ano: 2026 | Documental social | Duración: 44′ | Idiomas: Español e q’eqchi’ | Subtitulos: Español | Formato: HD 1920×1080 Stereo
Sinopse: Para as comunidades Q’eqchi’, a terra non é só o lugar onde viven e cultivan. A terra ten unha dimensión espiritual, forma parte da súa identidade e da súa memoria, e é tamén unha forma de entender a vida. É a terra o que os seus maridos defendían cando foron asasinados. É a propiedade da terra o xerme do xenocidio. E segue sendo o reparto da terra o maior foco de desigualdade e conflito de Guatemala.
A través das voces das mulleres indíxenas da comunidade de Sepur Zarco, que enfrontaron aos seus agresores sexuais e ao propio Estado guatemalteco, e das organizacións que as acompañaron, este documental percorre a súa loita pola xustiza e pon o foco nunha das súa principais demandas sen resolver: a devolución das súas terras como única forma de facer xustiza e reparar o dano.