Berros fronte o majzen

Berros fronte o majzen

Ano: 2017

Duración: 22:50 minutos

País: Marrocos e España

ONGDs: AGARESO

Pablo Santiago, Sofía Caamaño, Laura Pertierra, alumn@s do Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Social, xunto con Pablo Romero e Juan de Sola realizaron este vídeo que pon en valor o traballo das e dos activistas marroquís e denunciar a vulneración de dereitos por parte das autoridades.

Os encarceramentos, a represión física e a censura mediática son só algunhas das consecuencias que sofren as activistas marroquís cando se enfrontan ao ‘majzen’, a estrutura de poder clásica do país. Non obstante, estas dificultades non supuxeron un impedimento para que, nos últimos tempos, os movementos activistas en Marrocos cobraran máis forza.

“O Hirak é a propia cidadanía rifeña organizada por unha causa xusta”, asegura Youssef Ouled, xornalista da rexión afincado en Madrid, cando fala das masivas protestas que tiveron lugar no Rif nos últimos tempos como consecuencia do abandono histórico da zona por parte do poder central. Sen embargo, non todos os problemas aos que se enfronta a sociedade marroquí son consecuencia exclusiva das políticas do ‘majzen’. Empresas galegas e multinacionais de todo tipo levan anos deslocalizando as súas fábricas ao Magreb co obxectivo de xerar maiores beneficios económicos. O resultado, como explica o activista Ghassane Koumiya, é o “empobrecemento sistemático” da poboación local así como, en moitas ocasións, a degradación e destrución da biodiversidade da zona.

Wafae Charaf sufriu na súa propia pel a represión do majzen polo simple feito de manifestarse. Tras unha “moi, moi dura” experiencia no cárcere, continúa denunciando a súa experiencia. Como ela, moitas activistas ao longo e ancho do territorio seguen berrando e loitando polos seus dereitos.

Share This