O acollemento familiar é

O acollemento familiar é

O acollemento familiar é… é unha campaña de comunicación que desenvolvemos este 2022 coa asociación galega de familias de acollida (Acougo) para explicar as principais características deste recurso de protección temporal e revocable para as crianzas en desamparo que consiste en confiar o seu coidado a unha persoa ou familia que reúna as condicións necesarias.

Acougo denuncia que en Galicia hai máis de 1000 menores acollidos en centros residenciais e que máis de 200 deles teñen menos de 10 anos. É urxente e necesario favorecer o acollemento familiar e alixeirar as cifras de acollemento residencial que se están dando na nosa comunidade.

Para conseguilo, difundiremos ao longo dos próximos meses, man a man con Acougo, unha serie de vídeos con testemuñas que explican que é o acollemento familiar, poñendo as crianzas no centro. Elisa, Rebeca, Juan, Natalia, Victoria, Begoña e Kike forman parte de cinco familias de acollida, cada unha delas coas súas particularidades. Nais que acollen soas, con ou sen fillos biolóxicos previos, parellas que acollen unha ou varias crianzas, en función das necesidades das crianzas e das posibilidades das familias que as reciben. Familias acolledoras que tecen lazos coas familias biolóxicas, máis ou menos fortes, en cada momento.

A partir das súas experiencias, elaboramos unha serie de materiais multimedia para explicarlle á sociedade que o acollemento familiar é intimidade sobre a que construír amores futuros; é estabilidade psicolóxica, afectiva e social; é versatilidade, creatividade á hora de imaxinar familias diversas que se adaptan a crianzas diversas; é vínculo coas orixes, ao servizo da estabilidade emocional das crianzas; e é protección urxente, temporal ou permanente, segundo as necesidades das crianzas.

A CAMPAÑA

En Galicia, cada ano, máis de 2500 menores sofren o desamparo de pertencer a unha familia que non pode coidalos como merecen. Preto da metade agardan unha solución en centros residenciais. O resto, atoparon o seu sitio con avoas ou tías ou en familias de acollida como as que estades a piques de coñecer. Familias diversas que se adaptan ás necesidades das crianzas dentro das posibilidades do fogar que as recibe. Familias únicas, como todas. Como as vosas.

As crianzas en situación de desamparo atopan nas familias acolledoras un espazo seguro no que medrar física, psicolóxica, afectiva e socialmente. Unha referencia de coidado equilibrada e agarimosa que lles axudará a compensar e a reparar os danos vividos. Unha base estable e sólida sobre a que construír todos os futuros posibles.

O acollemento familiar é un recurso de protección que se adapta ás necesidades da crianza en desamparo. A convivencia da crianza coa familia de acollida pode ser plena, de fins de semana e vacacións ou de día e a duración do acollemento pode ser breve, longa ou permanente. Todas as crianzas teñen dereito a medrar en familia e todas as familias poden ofrecer o seu gran de area para que así sexa. Na medida das súas posibilidades.

Todas as crianzas deben estar debidamente protexidas. Cando os seus pais non poden ofrecerlles ese coidado, as institucións fanse cargo, ben mediante o acollemento familiar ou mediante o acollemento residencial, é dicir, nun centro. A lei recolle, expresamente, a obriga de dar prioridade ao acollemento familiar sobre residencial. As cifras de crianzas vulnerables que medran en institucións en Galicia e no resto do Estado son alarmantes.

No acollemento, é a familia a que se adapta ao menor e non ao revés. En todo caso, ao contrario que no caso das adopcións, todos os acollementos familiares teñen unha duración determinada e, sempre que sexa posible e recomendable, favorécese o contacto coa familia biolóxica, para que non se perdan os vínculos afectivos.

O SISTEMA DE PROTECCIÓN EN CIFRAS

Todas as nenas e nenos deben estar debidamente protexidos e asistidos e, cando os seus pais non poden ofrecerlles ese coidado, as institucións deben facerse cargo. Non se trata só de abandono ou de malos tratos, senón de neglixencias graves no relativo á alimentación, á hixiene ou á saúde ou de condutas aditivas ou transtornos graves que lles impidan ás persoas responsables o coidado das súas crianzas. Cando unha crianza se atopa en situación de desamparo en Galicia, a Xunta asume a súa titela e coidado. E, cando os pais, nais ou titores, non poidan coidar das súas crianzas, poden solicitar que a Xunta asuma a súa garda durante o tempo preciso para reconducir a situación. Esa mesma solicitude pode facela un xuíz. En todo caso, cando a Xunta asume o coidado -a garda- dun ou dunha menor, ten dúas maneiras de exercelo: mediante o acollemento familiar e mediante o acollemento residencial, nun centro.

Algúns dos principios que rixen o sistema do acollemento son: dar prioridade ao acollemento familiar sobre o residencial; evitar, na medida do posible, a separación de irmáns; favorecer a permanencia da crianza no seu propio ambiente, procurando que o acollemento se produza na familia extensa; apoiar e fomentar as relacións coa familia biolóxica, para posibilitar a súa reintegración; e manter a medida polo tempo estritamente necesario.

En Galicia, segundo os datos ofrecidos pola Consellería de Política Social nas súas Estatística de protección de menores, o ano 2020 había 1921 menores en situación de titela e 650 en situación de garda. Destes 2571 menores, 1359 foron acollidos/as por familias (1082 en extensa, dentro da súa propia familia biolóxica, e 276 en allea, por unha familia coa que non tiñan parentesco previo) e 1213 foron acollidos en centros (218 de xestión pública e 995, de xestión privada).

A Consellería non desagrega estes datos por grupos de idade, polo que para coñecer as idades destas crianzas hai que recorrer ás estatísticas ofrecidas polo INE no seu Boletín de datos estadísticos de medidas de protección a la infancia, que non coinciden exactamente cos da Xunta. Así, o INE cifra en 890 as crianzas acollidas en centros en Galicia o 2020, das que 39 teñen menos de 3 anos, 66 teñen entre 4 e 6 anos, 167 teñen entre 7 e 10 anos, 271 teñen entre 11 e 14 e 347 teñen entre 14 e 17. O INE cifra en 1083 as crianzas en acollemento familiar en Galicia ese mesmo ano, 893 dentro da súa propia familia biolóxica (en extensa) e 190, en familia allea. Deles, 127 teñen menos de 3 anos, 101 teñen entre 4 e 6 anos, 218 teñen entre 7 e 10 anos, 343 teñen entre 11 e 14 e 294 teñen entre 14 e 17.

É urxente e necesario, á luz das cifras ofrecidas polas propias institucións, favorecer o acollemento familiar e alixeirar as cifras de acollemento residencial que se están dando na nosa comunidade.

Share This