A Tribo 2022-23

A Tribo 2022-23


Anos: 2022-23, 2020-21 e 2018-19

Lugar: Santiago de Compostela, con participantes de A Coruña, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago de Compostela, Ames e Teo.

ONGDs: AGARESO e IGAXES

Proxecto recoñecido nas convocatorias Interculturalidad y acción social de 2018, 2020 e 2022 da Fundación ”la Caixa”.

A Tribo é unha intervención integral deseñada por Agareso e Igaxes e que conta co apoio da Fundación “la Caixa” dende 2018, cando celebrou a súa primeira edición, co obxectivo de fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, e de loitar contra o estigma que sofren, amosando o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade. Podes ver o resultado, aquí.

En 2021 puxemos en marcha a segunda edición, na que participaron 22 rapaces e rapazas que decidiron tratar temas como os conflitos familiares e o abandono infantil, a vida nunha vivenda de acollida, o racismo que sofren as persoas migrantes e o estigma que acompaña as menores titeladas ou especialmente vulnerables. Podes ver aquí as curtas, os podcast e a campaña que protagonizaron, baixo o slogan Vas permitir que o comenzo marque o seu destino?

En 2022 iniciamos a terceira edición de A Tribo, na que participaron 21 rapaces e rapazas que decidiron traballar arredor da saúde mental, informándose sobre os principais transtornos que observan no seu día a día: a ansiedade, a depresión e as adiccións, para poder despois trasladar o aprendido ao conxunto da sociedade.

XORNALISMO PARTICIPATIVO

ENQUISAS

Fixeron enquisas na rúa para comprender o que pensa a sociedade sobre a saúde mental das e dos adolescentes e entrevistaron a psiquiatra Iria Veiga, que lles explicou os síntomas e as causas das afeccións que máis lles preocupan, así como dos recursos dispoñibles para mellorar a vida das persoas que as sofren. Con ela, falaron de xenética, de hábitos e do extraordinario impacto que ten o contexto sobre a saúde mental das persoas. Nas dúas pezas xornalísticas que realizaron, advírtennos sobre o tremendo impacto que ten na saúde mental a vulnerabilidade económica e social durante a infancia e a adolescencia. E poñen no punto de mira a carencia de recursos, a psiquiatrización, a sobremedicación e a violencia que sofren as persoas con estes transtornos por parte da sociedade e das institucións.

ENTREVISTA

CURTAS DE FICCIÓN

DROGOLEGAS

Quixeron complementar o achegamento xornalístico con dúas curtas de ficción nas que abordan a soidade, a violencia, as adiccións, a ausencia de vínculos e o suicidio adolescente. Un achegamento aos distintos xeitos que atopan as adolescentes en situacións familiares desvantaxosas para afrontar o conflito, cando a sociedade mira para outro lado.

DIARIO DE LA LLUVIA

UNHA CAMPAÑA DE COMUNICACIÓN

Finalmente, déronlle forma á campaña A nosa saúde mental (tamén) depende de ti, coa que queren chamar a atención das familias, das e dos docentes, das e dos profesionais da saúde e da clase política. A cada un destes colectivos, diríxenlle unha mensaxe.

Ás familias pídenlles que miren máis alá dos defectos das súas fillas e fillos e saiban ver o que son capaces de conseguir.

Ás e aos docentes, pídenlles que vexan o alumnado como seres humanos con problemas de seu, máis alá dos estudos, dos deberes e de cuestións que escapan ao seu control, como a falta de concentración na aula, e que saiban ver, tamén as súas potencialidades.

Ás e aos profesionais da saúde, pídenlles que escoiten máis e con máis amor, que traten con respecto á rapazada e que sexan conscientes de que a medicación non sempre é a mellor solución. De feito, se non se atende a causa profunda do problema, a medicación nin sequera é unha boa solución.

Á clase política, recórdanlle que a infancia e a adolescencia en risco de exclusión social non pode con todo. Necesitan axuda. Necesitan moita máis axuda.

COÑECE A NOSA TRIBO

Son Lorena, teño 16 anos e gustaríame ser educadora social. A Tribo somos un grupo de persoas que queremos visibilizar que cambiar o que está mal é posible. E, con esta campaña, esperamos que a xente se dea conta de que a saúde mental das e os adolescentes é moi importante e debe ser protexida por toda a comunidade.
Son Helena, son de Brasil e son unha persoa moi espontánea. Para min, A Tribo é unha familia e, con esta campaña, espero que podamos tocar o corazón de moitas persoas, para que se dean conta do que pasa no mundo.
Chámome Xiana e nacín nunha familia de 4 irmáns, son moi extrovertida e espontánea. A Tribo, para min, é un lugar no que desconectar e poder socializar con xente xenial. Espero que grazas á nosa campaña a xente abra os ollos.
Son Michell, teño 16 anos, veño de Colombia e gústame moito ler, bailar e cantar. A Tribo, para min, é familia. Un espazo no que poder expresarme libremente sen recibir críticas, senón apoio en todo o que necesite. Espero que esta campaña nos axude a escoitarnos máis entre nós e a apoiarnos entre compañeiras, amigas e familiares.
Chámome María (Isabel), teño 16 anos, son unha persoa alegre. Gustaríame ser médica e espero que, grazas a esta campaña, máis persoas aprendan sobre a saúde mental e coñezan A Tribo. Un lugar no que podemos ser nós mesmas.
Son Clara, teño 16 anos e gústame ler, escribir e a música. Para min, A Tribo é un lugar no que me fan sentir segura, comprendida e que me axudou moito a mellorar como persoa. Espero que esta campaña poida concienciar ás persoas de que a vida non vai só de mirar cara a unha mesma, senón tamén de tratar ben aos demais.
Chámome Valentina, teño 18 anos, gústame a arte en todas as súas formas e penso que os tabús deberían deixar de existir. A Tribo, para min, é un lugar no que coñecer persoas novas e discutir temas importantes para todos. Espero que a nosa campaña axude a que as persoas se reformulen as súas relacións con elas mesmas e coas demais.
Son Vitoria, a maioría de xente chámame Ryuu, teño 14 anos e este ano formo parte da Tribo, un grupo no que podo ser como en verdade son, sen medo a que me xulguen. Gustaríame poder transmitir información sobre a saúde mental que non é moi coñecida ou está mal enfocada.

Karma é algo en proceso de construción, un concepto, algo confuso. No futuro non se imaxina de ningunha maneira, porque non ve saídas laborais. Quere unha vida tranquila na que coidar de plantas, ter gatos e dar paseos pola praia. Gústalle todo o relacionado coa creación artística: audiovisuais, escribir, debuxar.

Participaron en A Tribo 22-23
Aimee Gómes Fernández “Sam”
Alisson Michell Rosero Reyes
Andrea Valentina Dos Santos Gómez
Arantxa Gago Cacabelos
Clara Victoria Tesorero Carreño
Cristian Gómez Culebras
Cristina Neta
Gabriela Sánchez Graña “Karma”
Gael Mayo Cardeso
Helena De lima Costa
Izan Ferreirós Mosquera
José Ignacio Quirós Blanco
Lorena Seoane García
Maria Isabel Bengui Faria
Maria Valentina Calvelo Giraldo
Milenka Paola Remírez Villalpando
Rosario Lojo Arias
Viktoria Kevin Sousa Cruz “Ryuu”
William
Xiana Alonso Castro
Ziel Clieth Koffi

Fotografías campaña: Andrés Fraga
Deseño e vídeo campaña: The Office

ESTREA DOS AUDIOVISUAIS

PROXECCIÓNS CON ALUMNADO E PROFESIONAIS

MANUAL DE BOAS PRÁCTICAS

Nesta terceira edición da Tribo, os equIpos de Agareso e de Igaxes elaboraron unha guía de uso da metodoloxía das ferramentas de comunicación participativa con rapazada vulnerable, con algunhas claves sobre o traballo con adolescentes en situación de vulnerabilidade e unha batería de dinámicas. O obxectivo é favorecer que outros axentes se animen a pór en práctica este tipo de actividades cos seus colectivos. Por iso, este manual é de libre uso e modificación, sempre que se recoñeza a súa procedencia e o resultado compártase da mesma maneira. Podedes contactar co equipo para resolver calquera dúbida respecto diso.

Podedes contactar co equipo para resolver calquera dúbida ao respecto.

Share This