A Tribo 18-19
A Tribo 18-19
Ano: 2019
Lugar: Santiago de Compostela
ONGDs: AGARESO e IGAXES
Proxecto recoñecido na convocatoria Interculturalidad y acción social 2018 da Obra Social laCaixa.
Máis de 100.000 nenas, nenos e adolescentes en Galicia padecen cada día as consecuencias da falta de recursos, conflitos familiares, inseguridade ou mesmo violencia. Esta circunstancia, que na escola pode pasar desapercibida, impídelles aprender en igualdade de condicións e lastra enormemente as súas oportunidades de futuro: o 70% do alumnado máis desfavorecido abandona os estudos prematuramente. É necesario xerar conciencia social sobre a necesidade de incorporar políticas e modelos de equidade educativa que permitan compensar as desvantaxes que afronta unha parte moi importante das nenas e nenos na etapa escolar.
A Tribo é unha intervención integral deseñada polas ONGs galegas AGARESO e IGAXES, co apoio de Obra Social “la Caixa”, para fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, e loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade tutelada estea nun centro de protección por facer algo malo ou que alumnado con dificultades nos estudos non teña vontade de aprender. Estereotipos que, cando afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable, poden chegar a converterse nun estigma moi doloroso. A Tribo quere reverter ese estigma e amosar as enormes capacidades destas mozas e mozos, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade.
Para conseguilo, 22 rapazas e rapaces de entre 14 e 23 anos en situación de vulnerabilidade social, decidiron qué aspectos da xuventude que nunca amosan as películas e as series querían recuperar. E cómo facelo. Idearon e gravaron tres curtas que reflicten as súas personalidades, que son diferentes, pero que teñen cousas en común, como a súa vontade de encaixar nun grupo, as consecuencias das malas decisións ou a responsabilidade que ten o resto da sociedade na solución dos conflitos que lles afectan.
“Parece que a xuventude está durmida, apagada, que non podemos pensar por nós mésmos”, din, “pero quizais non é así, igual se nos dan a ferramenta para expresarnos, podemos demostrar que a xuventude non é tan baleira e banal, que hai partes do sistema no que vivimos que non nos gusta e que temos ganas de cambialo, que podemos cambialo.”

Na curta documental La Tribu, Gabriela Sánchez, Pamela Quiñones, Cristian Bellas, Cristal Jiménez y Mariana Michels reflexionan ante a cámara sobre como afrontan os seus problemas, como valoran a sociedade na que lles tocou vivir, como se perciben a si mesmas e como encaran o futuro. Un relato honesto de adolescentes que se recoñecen claramente fóra do sistema, pero aos que lles gustaría ter a oportunidade de modificar ese sistema e de construir a súa propia Tribo.
En Empezar de Cero , o protagonista é un menor que chegou de Marrocos sen saber falar español e sen ningún apoio familiar. A historia comeza coa súa chegada ao centro de protección de menores, a súas primeiras amizades e os seus primeiros pasos para aprender a comunicarse noutro idioma e noutra cultura. Pero tamén a soidade, a necesidade de atopar a súa propia tribo, e como nesa busca acaba tomando decisións con consecuencias nefastas. A mensaxe final da curta ideada e realizada por Ihara Aglione, Ismael García, Siffedine Akasbi, Jorge Julio Fernández, Hipólito Barro e Marcelo Ríos é unha chamada a reflexionar sobre as enormes implicacións que teñen nas nosas vidas todas e cada unha das decisións que tomamos.
Na segunda ficción, Vidas Paralelas, abórdase a experiencia de dous irmás adolescentes con problemas coa súa familia, que chegan a un punto sen retorno cando o seu pai morre. Ao verse totalmente sós, toman camiños distintos para encaralos. O rapaz optar por madurar antes de tempo, por responsabilizarse e estudiar, buscar traballo… e a rapaza intenta evadirse no consumo de drogas, chegando a roubar ao seu propio irmán para seguir consumindo e, finalmente, a entrar no cárcere. Pero, unha vez máis, visibilízase a importancia vital que teñen as segundas oportunidades nestas idades e nestes contextos e Juan Esteban González, Pablo Luis Cabarcos, Julia López e Pedro Manguelle queren ofrecerlle a súa a esta personaxe de ficción, a través do seu irmán.
Campaña de sensibilización
Ademais do obradoiro de vídeo participativo do que xurdiron estas curtas, A Tribo inclúe reforzo escolar durante todo o curso e mais obradoiros de educomunicación nos institutos aos que asisten estes mozos e mozas, para reflexionar conxuntamente co resto do alumnado sobre as dificultades extraordinarias que afrontan os compañeiros e compañeiras en risco de exclusión e as políticas de equidade que serían precisas para contrarrestalas.
Estas actividades complementaranse, á volta do verán, cunha campaña de comunicación pensada para recordarlles ás comunidades escolares, xusto antes do comezo do curso, o que representa para a rapazada a inequidade e a necesidade de que todos como sociedade contribuamos a combatela. A campaña está sendo deseñada a partir das mensaxes que eles mesmos definiron nas sesións de traballo e será perfilada e executada, tamén, por elas e por eles, xa que son estas mozas e mozos os verdadeiros axentes do cambio, ideadores de solucións e xeradores de impacto público.







Participaron en A Tribo:
Ihara Aglione Vicente
Siffedine Akasbi
Hipólito Barro Graña
Cristian Bellas Pardo
Pablo Luis Cabarcos López
Awatef El Arfaoui
Jorge Julio Fernández Morales
Ismael García Rodríguez
Stella Sara Giovagnoli García
África González Martínez
Juan Esteban González Vega
Desiré Gutiérrez Yepes
Cristal Marie Jiménez Espinal
Julia María López Guerrero Bruzos
Zulema María Losada Ares
Pedro Manguelle Obomo
Mariana Michels
Ainoa Paula Moreno
Danny Pamela Quiñones Ramírez
Gabriela Sánchez Graña
Joao Víctor Silva Martins
Catalina Varela Valencia
Marcelo Rios Iglesias
Ihara Aglione Vicente
Siffedine Akasbi
Hipólito Barro Graña
Cristian Bellas Pardo
Pablo Luis Cabarcos López
Awatef El Arfaoui
Jorge Julio Fernández Morales
Ismael García Rodríguez
Stella Sara Giovagnoli García
África González Martínez
Juan Esteban González Vega
Desiré Gutiérrez Yepes
Cristal Marie Jiménez Espinal
Julia María López Guerrero Bruzos
Zulema María Losada Ares
Pedro Manguelle Obomo
Mariana Michels
Ainoa Paula Moreno
Danny Pamela Quiñones Ramírez
Gabriela Sánchez Graña
Joao Víctor Silva Martins
Catalina Varela Valencia
Marcelo Rios Iglesias
Fotografías da estrea: Andrés Fraga
Deseño: The Office
