Agareso lanza hoxe, man a man coa Coordinadora Galega de ONGD, as biografías de tres mulleres que consagran a súa vida á defensa dos dereitos humanos nunha das rexións máis perigosas do mundo, Mesoamérica, a área comprendida entre México e Costa Rica. Estes tres títulos abren a colección Defensoras de dereitos, un mosaico de relatos persoais e colectivos que conta co apoio da Deputación de Pontevedra e que ten o obxectivo de favorecer que o público xuvenil reflexione sobre o imprescindible labor que realizan as defensoras dos dereitos humanos e do ambiente nese contexto.

Os textos da xornalista e escritora Lara Dopazo Ruibal únense ás ilustracións creadas a catros mans entre o colectivo de arte gráfico mexicano RotmInas e a deseñadora gráfica galega Marta Conde para achegar á rapazada galega as historias de vida e a loita política de Miriam Suazo, Estela Ángeles Mondragón e María Cuc Choc. Tres activistas de Honduras, México e Guatemala, respectivamente, que forman parte das máis de 2.000 mulleres organizadas arredor da Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras). Todas as tres son mulleres que romperon os moldes establecidos e que sementan o cambio en Mesoamérica. E, xunto ás súas historias, os libros tamén dan a coñecer o contexto social e político que está a provocar as situacións de desigualdade e inxustiza que afrontan as protagonistas.

Os volumes impresos son de acceso libre para centros de ensino e espazos de educación non regrada e atópanse tamén dispoñibles en formato dixital para todas aquelas persoas que teñan curiosidade, en galego e castelán. Existe a posibilidade de organizar unha actividade pedagóxica arredor dos libros, da man da autora dos textos. Tedes toda a información e recursos nesta páxina.

A semente desta colección de libros é a campaña #Defensoras Semillas de Cambio, unha iniciativa que pon rostro e voz ás activistas mesoamericanas para reclamar aos Estados que adopten medidas urxentes para garantir a súa protección integral.

Segundo a organización Global Witness, desde 2015 unha media de catro persoas son asasinadas cada semana no mundo por alzar a voz contra as empresas que se apoderan dos territorios e causan danos ao medio. O último informe de Frontline Defenders, unha organización de apoio e protección ás activistas,  revelou que o 28% das 331 persoas defensoras de dereitos humanos asasinadas no mundo en 2020 traballaban polos dereitos das mulleres. Segundo IM-Defensoras, desde a irrupción da pandemia medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización contra as mulleres defensoras de dereitos.

Ante este contexto de violencia e represión “as ONGD galegas mantemos o noso compromiso de defender a quen defende tecendo unha rede global de apoio e denuncia da vulneración dos dereitos”, afirma Lorena Seijo, coordinadora de Agareso e portavoz da Coordinadora Galega de ONGD.