Publicamos e presentamos da man da nosa socia dominicana, o Centro de Investigación para la Acción Femenina (CIPAF), o Estudio de profundización en la caracterización y efectos de las agresiones sexuales sobre las mujeres no marco da fase II do proxecto Mujeres organizadas contra la cultura de violencia financiado por Cooperación Galega. Esta é a segunda enquisa nacional sobre agresións sexuais contra as mulleres froito desta asociación entre AGARESO e CIPAF e tamén o segundo traballo realizado en colaboración con Grupo Arista SRL.

Presentación da investigación na Universidad Autónoma de Santo Domingo (República Dominicana)

A investigación busca evidenciar o impacto das agresións sexuais na vida das mulleres, relacionando estes eventos coas súas traxectorias vitais e o acceso a redes de apoio:

Un 44% das mulleres enquisadas dixo ser vítima dalgún tipo unha agresión sexual ou coñecer a alguén que o foi, pero só o 16,5% delas denunciou os feitos ante as autoridades. A infradenuncia pode explicarse por un dato aínda máis preocupante, apenas o 18.8% recoñeceu o vivido como unha agresión no momento en que ocorreu. Cando a agresión se produciu sendo menores de idade, o 53.8% das persoas entrevistadas indicou que os seus pais ou titores non se decataron da agresión sufrida.

As formas de agresión máis estendidas, segundo a enquisa, inclúen envío de fotos íntimas sen consentimento 25,6%, ofrecer diñeiro a cambio de relacións sexuais 24,7%, comentarios ou suxestións sexuais non desexadas 24,6%, contacto físico non consentido un 19%, acoso dixital 18,1% e acoso presencial nun 11%, intento de violación 12% e violación un 8,7%.

O 75,8% das mulleres agredidas non asistiron a un centro de saúde, sendo a principal razón nun 73,8% por non consideralo necesario, seguida do descoñecemento sobre se debían facelo (11.0%). Este dato está moi relacionado con que un 30.6% descoñece os dereitos que lle asisten tras unha agresión sexual.

O estudo tamén realizou levantamentos de zonas con maior índice de casos, onde as agresións sexuais son máis frecuentes en áreas urbanas, sendo a rexión Metropolitana a de maior incidencia (38.6%). Non hai grandes diferenzas entre os grupos de idade, así que podemos concluír que a violencia sexual afecta a mulleres en tódalas etapas da súa vida.

O perfil de agresor é un home adulto no 93% dos casos. No caso das mulleres que sufriron a agresión sendo adultas, no 63,2% dos casos o agresor é parte da contorna próxima e supostamente seguro da vítima: un amigo ou coñecido cun 31.7%, a parella é identificada como o agresor nun 17.7% dos casos, e algún familiar no 3.8%. O agresor é identificado como un descoñecido no 46.8% das entrevistadas. Isto vai en correlación cos datos lanzados por este estudo que mostra que un 73,7% dos casos ocorreron en lugares “confiables” para a vítima, como o seu propio fogar, cun 37.1%, seguido de na casa dun relacionado (11,4%) e onde un familiar (15,2%). Un lugar público ou a rúa serían só un 23,5%. Tamén destacan os casos ocorridos a través de redes sociais (7,6%). As porcentaxes máis baixas repórtanse en contextos como a escola (4,5%) e o traballo (2,3%). 

Isto desmente a crenza común de que a violencia sexual é un acto aleatorio e o maior perigo vén de estranos en lugares escuros ou públicos, cando en realidade o risco está tamén, e en gran medida, en contornas próximas e supostamente seguras. Os datos confirman que, aínda que os descoñecidos representan un risco significativo, o perigo maioritariamente provén de persoas nas que vítima confiaba. Isto esixe un cambio en como abordamos a seguridade persoal, a educación sexual e as políticas de prevención: a agresión sexual non é só un crime de rúa, senón unha violencia arraigada en estruturas sociais próximas.

A investigación tamén busca destacar a necesidade de abordar a violencia sexual de maneira integral, considerando non só as agresións físicas, senón tamén as que ocorren en contornas dixitais e en contextos de abuso de poder. Así mesmo, sublíñase a importancia de fortalecer os servizos de saúde e apoio ás vítimas, garantindo un trato empático, orientación sobre os seus dereitos e acceso a recursos como o kit de violación.

O informe propón unha serie de recomendacións para previr as agresións sexuais como mellorar a atención ás vítimas e promover un cambio cultural. Algúns exemplos nesta liña: implementar programas educativos integrais con enfoque de xénero desde idades temperás, fortalecer os servizos de saúde con enfoque psicosocial, impulsar políticas públicas que recoñezan a violencia sexual como un problema estrutural, mellorar os mecanismos de denuncia e resposta institucional e ampliar as estratexias de comunicación pública sobre os dereitos das vítimas.