A sede do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia acolleu esta mañá un almorzo on/off no que se presentaron os resultados deste ano do proxecto Xeración Contrainfo, que analizou o impacto da misoxinia e o machismo nas aulas galegas.
Na súa introdución, Ana González Liste -membro da Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia- sinalou que este programa interpela a profesión da mesma maneira que ao resto da sociedade e salientou que “os resultados deste ano demostran que as iniciativas do Colexio para achegar a perspectiva de xénero ás redaccións son imprescindibeis. Marga Tojo, integrante das Xornalistas Galegas, destacou que “os medios de comunicación sitúanse entres os actores discursivos que aseguran a conformación das relacións desiguais de xénero”.
Sonia Díaz, técnica de proxectos de Agareso, detallou os resultados do estudo realizado entre 396 estudantes e 199 docentes de centros de ensino de toda Galicia. As respostas de todos eles mostraron que os IES non son espazos libres dos discursos de odio, cun 80% do alumnado LGBTIQ+, un 74% dos alumnos cishetero e un 71% das alumnas cishetero que manifestaron ter sido vítimas dalgún tipo de agresión, algo ratificado polo profesorado, que asegura nun 76% dos casos ter presenciado esas agresións e apunta aos alumnos cishetero como principais agresores. Ademais, os datos demostran que están moi presentes entre a rapazada os estereotipos de xénero, malia a que máis do 75% asegure non ter deixado de facer nada polo seu xénero. Un dato que contrasta coa significativa porcentaxe (12%) de alumnas que asegura non ter confianza para falar en público, fronte unicamente o 2% dos seus compañeiros.
Pero se algo constatou a investigación é a polarización que enfronta nesta cuestión os alumnos masculinos cisheteros co alumnado feminino e do colectivo LGBTIQ+, á que xa apuntaban outros informes. O 62% dos rapaces cishetero manifestaron que a loita pola igualdade é “excesiva” e que actualmente son eles os discriminados, un discurso que tamén se detectou entre as familias e o profesorado. “Esta é a fenda en realidade”. Por esta razón, e polo pacto entre varóns que se produce nas aulas, desde Agareso recomendan, na liña das últimas investigacións publicadas polo Centro Reina Sofía e do traballo desenvolvido durante moitos anos por Pepe Cabido e Sonia F. Casal, traballar de forma diferenciada a igualdade coas mozas e cos mozos, e atender de forma específica o sentir dos rapaces, un modelo que deu froitos no traballo nos institutos levado a cabo por Agareso.
