A novena xornada do X Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional foi compartida. É o que teñen os tempos do Covid, que todas nos debemos adaptar á “nova realidade” da pantalla. Ocupou as dúas primeiras horas Pedro Solla, representante de comunicación de Igaxes, unha ONG galega que traballa dotando dun presente e dun futuro a menores tutelados. É un momento de moito traballo para a súa organización, pois a crise sanitaria e económica deixa nunha posición aínda máis vulnerable á mocidade tutelada. Esta ONG céntrase neles, achegándolles todo o necesario para que poidan dispoñer dun futuro igual ao dos demais mozos, desde un teito ata apoio psicolóxico ou compañía e comprensión.

Solla deu comezo ao seu relatorio ensinando un gráfico, unha roda, un círculo que nunca deixa de xirar. “Non quero ser determinista”, comentou respecto, “pero a situación é como para selo, pois esta imaxe pasa de xeración en xeración”. Dividida en catro etapas, esta roda representaba o “ciclo de exclusión”, o ascensor social roto, ao que se enfronta a infancia empobrecida a día de hoxe. “Sen unha infancia plena é difícil que os estudos se poidan terminar, rompendo coa principal ferramenta de progreso que ten unha persoa”.

“Desde Igaxes aplicamos o que demos en chamar “Anel de apoio”, un modo de traballo que radica no acompañamento continuado á infancia desde todas as frontes posibles e acompañando a súa evolución e o seu crecemento”, dixo Solla para contrarrestar o exposto anteriormente. Esa é precisamente a función da ONG: o acompañamento, a atención e o apoio constante para dotar dun futuro á infancia. A través de casas de acollida dan un teito a estes rapaces que quedan desamparados ao non poder permanecer nas súas casas ou coas súas familias. Solla comentou tamén que, nos últimos tempos, están a levar a cabo novas campañas (tanto de financiamento como de traballo) para poder cubrir as necesidades de máis persoas aínda.

Aos poucos, o seu discurso cobrou un ton máis teórico, centrándose na comunicación  organizacional das ONG. Sempre collendo exemplos de Igaxes, comentou o seu modo de traballo “dignificante, de empoderamento e de respecto máximo sempre aos menores” que saian nas campañas que leven a cabo ou que protagonicen as noticias, vídeos ou reportaxes en xeral. “Baixo o meu punto de vista débese fuxir do tópico tremendista, case  lacrimoso, que busca crear pena e case un diálogo catastrofista coa audiencia”. “Para respectar o enfoque de dereitos a voz debe ser das persoas que interveñan na peza xornalística”, sentenciou o relator.

Tocáronse máis asuntos que a práctica comunicativa ou o espírito da organización. A actualidade estivo presente ao comentar Solla que “a renda mínima non provoca que a xente non busque traballo, todo o contrario, pois o ingreso adoita ir acompañado de programas de inclusión”. O exemplo máis próximo é o de Euskadi, “onde sobre o 70% das persoas en risco de pobreza reciben ingresos” e non por iso deixan de buscar traballo e aproveitar eses programas de inclusión. “Moitos dos rapaces que están connosco están en risco de pobreza e, coa crise que virá, pasarán ese limiar cara abaixo, polo que esta renda mínima e a inclusión son clave para eles e o seu futuro”. Con reivindicacións como esta queda claro o espírito de Igaxes, que persegue o cambio social ademais de prestar axuda en casos locais e concretos de mozos tutelados.

A segunda parte do relatorio estivo centrada no vídeo participativo, unha ferramenta da que se beneficiaron os rapaces de Igaxes no seu día. Serviu este relatorio conxunto, polo tanto, para ver aplicado o vídeo participativo cun exemplo concreto: “A Tribo”, realizado e protagonizado por Igaxes co apoio de Roi Guitián (entre outros), técnico de Agareso e relator das segundas dúas horas de charla.

A súa intervención puxo a traballar ao alumnado, pois nada maís comezar deberon responder a unhas preguntas necesarias para o resto do relatorio. Unha vez contestadas, Guitián tomou a palabra para falar do vídeo participativo a través do exemplo sobre o que se traballou, o dun proxecto nun centro de saúde mental. Con esa base o relator explicou o concepto que ocupaba o seu relatorio: o apelido “participativo” que lle poñemos ao vídeo, que consiste en que os propios protagonistas da obra son os que a fan. “Debemos buscar o equilibrio entre o proceso da rodaxe e o produto final, pois a clave do participativo é que as persoas que o realizan se vexan involucradas e sintan seu o proxecto, como realmente é, pois son eles os que o fan”. O vídeo participativo é empoderante por natureza, pois é capaz de motivar a persoas que non teñen obxectivos na vida dotándoos de, polo menos, un: contar unha historia.

Guitián expuxo en profundidade os numerosos traballos que realizou con esta técnica e explicou como repercute nas persoas que se involucran no proxecto. Compartiu co alumnado as súas aprendizaxes e anécdotas, achegando un modo de traballo non tan coñecido como outros anteriormente comentados noutras sesións. Puxo tamén vídeos e cuestionarios cos que todo o auditorio puido expresar a súa opinión ao respecto do tema sobre o que pivotaba a sesión. Seguindo o fío que deixou o relator anterior, Guitián centrou a parte final da súa quenda en comentar “A Tribo”, o proxecto realizado con Igaxes que serviu de exemplo xunto a todos os demais.

A sesión pechouse cunha motivante reflexión do relator, que definiu ao alumnado como “persoas que poñedes unha ferramenta nas mans doutras persoas, sodes facilitadores que axudades a empoderar a moitas persoas”.