Esta mañá participamos nunha nova xuntanza da Rede do Milladoiro, nun encontro marcado pola despedida do actual equipo directivo do IES do Milladoiro e a presentación do novo equipo, que asumirá o reto de continuar coa liña de traballo baseada na equidade, a excelencia educativa e a convivencia positiva.

Tamén se puxo de manifesto a importancia de convertir a Rede do Milladoiro nun espazo compartido de comunidade, recalcando que o vindeiro ano vai ser o CEIP de Ventín o encargado de organizar e coordinar dita rede. Excusouse a asistencia do equipo directivo de Ventín, por motivos de organización de axendas, e dáselle a benvida á representante da ANPA de Ventín, por primeira vez presente na Rede do Milladoiro.
Durante o acto realizouse unha análise do intenso ano de restauración educativa vivido no centro, salientando os avances acadados grazas á consolidación dunha nova narrativa identitaria e inclusiva. O lema “Somos diferentes, Somos referentes!!!” erixiuse como marca do centro, reforzando o orgullo da súa comunidade educativa e o potencial intercultural do alumnado.
A reunión tamén serviu para facer balance das actividades culturais desenvolvidas no centro, valoradas de forma moi positiva ao contribuír á creación dunha verdadeira cultura de centro. En paralelo, púxose en valor a calidade do ensino público, reafirmando a idea de que a excelencia só é posible coa equidade, e que a convivencia positiva, promovida desde a cultura restaurativa, é un eixo fundamental para o desenvolvemento persoal e colectivo.
Recoñeceuse que este traballo non sería posible sen o apoio e a complicidade da Rede do Milladoiro, especialmente das entidades do terceiro sector que colaboran activamente: IGAXES, AGARESO, SECRETARIADO XITANO e ASAMBLEA DE COOPERACIÓN POLA PAZ, canda o Concello de Ames, cuxo papel foi determinante para acadar os obxectivos comúns.
Proxectos e acordos cara ao futuro
Na sesión presentáronse dous proxectos elaborados en pequenos grupos de traballo desde a última xuntanza da Rede: un Protocolo de actuación en saúde e centros educativos, presentado por Magdalena, representante do Centro de Saúde, e Nieves, xefa do Departamento de Orientación do IES do Milladoiro; e o Plan de Acollida Lingüístico do IES do Milladoiro, exposto por Rosa, Dinamizadora Lingüística do Concello, e Manolo, director do Centro. Ambos documentos serán sometidos a votación para seren incluídos nas NOFC (Normas de Organización, Funcionamento e Convivencia) do IES do Milladoiro.
Tamén se presentou unha primeira análise DAFO (Debilidades, Ameazas, Fortalezas e Oportunidades) sobre a comunidade socio-educativa do Milladoiro, coa intención de completar esta análise e trasladar os resultados ás administracións competentes na próxima reunión da Rede, que será coordinada como xa dixemos polo CEIP de Ventín.
Novos compromisos e reforzo da identidade da Rede
A sesión deu paso a un debate aberto sobre como trasladar as preocupacións socioeducativas da Rede aos organismos públicos. Acordouse seguir os pasos de IGAXES para establecer convenios educativos coa Xunta de Galicia, que permitan unha coordinación máis efectiva cos centros educativos.
Como parte deste compromiso, acordouse organizar unha xuntanza sectorial entre as entidades do terceiro sector e o Concello de Ames, coa finalidade de consensuar unha reunión conxunta coa Xunta de Galicia.
Como suxestión e proposta de mellora, Magdalena (representante do centro de saúde) propón abrir unha rede de consulta de necesidades co alumnado a través dunhas enquisas para facer un balance do que precisan a nivel socio-sanitario.
Finalmente, recalcouse a importancia de reforzar a identidade da REDE DO MILLADOIRO como ente colectivo con corpo representativo, traballando na súa consolidación como espazo estable de colaboración e transformación educativa no municipio.