O X Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional que organizamos dende a Asociación Galega de Comunicación Social (Agareso) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) dentro do proxecto Escolas sen Racismo concluiu o pasado mes de xuño, coa entrega dos traballos individuais do alumnado. Compartímosvolos.

Esther Santiago aborda nesta reportaxe audiovisual o tema da educación na época franquista.

Dubra Jul realizou a reportaxe Inconexo, sobre o traslado do Hospital Xeral da cidade de Lugo, dende o barrio da Residencia a un lugar nas aforas.

Laura Piñeiro realizou esta curta documental, onde, a través de imaxes do pasado, coñecemos a experiencia migratoria de María Vázquez e a súa nora, Hafida Asebban.

Raquel Fernández asina a reportaxe audiovisual Vendas de Odio que mostra quen era George Floyd e que é o movemento Black Lives Matter.

Sara Pisos realizou esta peza audiovisual que nos achega á historia de Yousef, un mozo iemení que deixou o seu país fuxindo da guerra coa esperanza de atopar un futuro mellor en España.

Sara Dorado realizou a reportaxe radiofónica Coronavirus e África, que pretende dar voz as accións e realidades que parten de África para loitar contra o virus.

Andrés García realizou este programa radiofónico Temas sociales en la música latina, que mostra exemplos de cancións latinas que tratan temáticas sociais.

Amara Añón realizou a reportaxe escrita Hai que xitanizar as escolas, sobre o antixitanismo nos centros educativos. Juan Aceiro escribiu a reportaxe Na cidade de ferro e morteiro, sobre as mortes e a represión na cárcere de A Lama. Carmen Gómez redactó a reportaxe Unha redacción propia, unha reflexión coas xornalistas galegas sobre o camiño para unha comunicación feminista. E, finalmente, Ángela Rodríguez ofrécenos unha reportaxe sobre o feminismo na Igrexa en  La Revuelta de las Discípulas.