Calor, calor e máis calor. Dende a pista de aterraxe de Nador, na que había máis gatos que avións, ata que nos metimos de volta na aeronave en Tánxer, cunha capa máis de moreno dende o punto no que acaba a manga da camiseta. O que sucedeu no tempo entre eses dous voos foi algo inesquecible para todos os que o vivimos; dende a nosa fiel escudeira Uxía, que non se vai olvidar nin do making-of nin das caras de agotamento coas que andaba Andrés, ata nós, os tres “aprendices” que viaxamos a Marrocos da man de Agareso e ACPP: Verónica, Fran e o das caras raras, Andrés. Esperamos que tampouco que se lle esqueza nunca a viaxe a Antonio Grunfeld, o noso guía-profe-director-compañeiro… O polifacético Antonio, deixémolo niso, sen cuxo apoio estariamos perdidos aínda por Nador.

O equipo de AGARESO preparando a entrevista de Malicá Ben Amar no centro de formación de peluquería e estética de Asticude

Despois de todos os preparativos e tras unha longa espera entre aeroportos, xa estábamos en Nador. A primeira impresión pode que contrariara un pouco aos recén chegados: esa mestura entre o lixo do chan e os coches sen frenos marca un gran contraste co que acostuma a ser Europa ou, alomenos, outras cidades marroquís. As integrantes de Acpp abríronnos as portas de Asticude, a primiera das organizacións coas que nos entrevistamos na cidade dos autos tolos. E dende ese momento formaron parte do noso equipo, quedándose, dalgunha maneira, sempre con nós aínda que non estivesen.

Abdeslam Obstaje, o presidente de Asticude, foi en todo momento moi amable e demostrou ter máis paciencia ca nós e ca nosa tascam, que naquela primeira entrevista non nos deu máis que problemas. Pero a protagonista de Asticude era Bari Fatimatah. Aparentemente a limpadora, a súa historia daba para un documental enteiro. Á mañá seguinte xa lle tiñamos plantada a cámara diante, no establecemento onde está facendo as prácticas despois de rematar unha formación en perruquería que realizara grazas a un socio local de Asticude.

Potente, directa, enérxica… E enfadada. Os sentimentos de Fatimatah saíron como unha tormenta no momento en que Fran activou o video e Verónica lanzou a primeira pregunta. Fuxiu do seu país para salvar á súa filla da mutilación xenital feminina, pero a súa vida en Nador ten tantas luces coma sombras. A súa parella, Koné Mohamed, sofre o odio dos seus veciños cada vez que chega á casa, con agresión física incluída. Con ela caímos na conta do racismo que impera na sociedade marroquí, aínda que tamén vimos que existen oportunidades cando hai interese en que as haxa. Pura aprendizaxe, unha lección tanto de socioloxía como de loita, de seguir escalando aínda que a parede sexa vertical. Un exemplo de como a axuda mutua fai medrar ás persoas.

Fran Rodríguez gravando a Jamila Acherqui presidenta dunha cooperativa textil de mulleres nunha aldea do Rif, cerca de Berkane

Cun debuxo da filla de Fatimatah, o seu motivo polo que loitar, saímos de Nador rumbo a Berkane. Agardábanos un home que cos días acabouse por convertir nun “mítico”, tal como o definiu Andrés. O mítico Najib estaba na súa igrexa, coma se dun profeta se tratase, aínda que non fora nin cura nin cristián. Cun falar lento, moi didáctico e mesmo cariñoso, Najib Bashiri guionos polo seu proxecto e presentounos a unha chea de rapaces subsaharianos participantes del.

Non é casualidade o sobrenome que lle puxo o noso compañeiro. Nos días de Berkane, Najib ía aparecer nas cooperativas de mulleres do rural, ía comer con nós e mesmo nos ía contar historias populares de medo durante a nosa estadía naquela casa rural. Non superaron ás de Fran, que xa desde Nador nos acostumou ao mundo esotérico da súa Traspielas natal. Naquelas cooperativas ás que asistiu Najib puidemos descubrir o Marrocos máis oculto. O rural rifeño é duro, árido… Un lugar no que se non hai colaboración e axuda mutua semella difícil avanzar. Así pensaron as mulleres da cooperativa do textil artesanal, que a través da súa presidenta Jamila Acherqui nos explicou como funciona este proxecto capaz de emancipar e empoderar á muller.

Fran Rodríguez fotografiando a unha señora cosendo, nunha cooperativa textil apoiada pola ONG “Homme et Environnement”, ás aforas de Berkane.

Berkane e o seu rural rico en experiencias e coñecemento quedaron atrás. Quedaban por diante nove horas de coche, que se viron interrumpidas por unha cidade que nada tiña que ver co Oriente: Alhucemas. Alí agardaba Mohamed El Andalossi, un perfecto coñecedor do castelán para o alivio do grupo. Ante a aparente maxestuosidade da cidade (estaba o Rei de vacacións neses días), o noso anfitrión puxo o acento nos problemas na bahía que rodea a localidade, así como nos pisos turísticos froito de pelotazos inmobiliarios que servían para sacar mordidas aos mandatarios do goberno local. A bahía, área de pesca dos mariñeiros, estaba altamente ameazada. A falta de auga para o consumo, ademais de obligar a construir dous encoros nas inmediacións, puxo enriba da mesa a posibilidade de facer unha desalinizadora, que deixaría as augas da bahía cunha porcentaxe de sal moito maior que actualmente. Evidentemente, isto tería condicións fatais para a pesca e para a vida mariña. Aínda co zumo e as tostas do almorzo entre as mans, o tema de conversación era ese.

Arrancou o coche despois de comer unhas sardiñas na praia de Alhucemas, da que previamente desfrutamos. Un capricho de area negra que, despois do duro esforzo de Nador e Berkane, o grupo merecía. Coa vista en Tánxer comezamos a ruta coa música saltando entre Latinoamérica de Calle 13 e a Ostiá de Igmig. O Hotel de París, á nosa chegada, era un templo do descanso con cuartos compartidos. Quedaban por díante catro días en Tánxer.

Viñan días que apuntaban máis suaves, pois moito do groso do traballo estaba feito, pero non nos debíamos relaxar. Aínda que puidésemos ter tempo para pasear pola Medina ou pola Kasbah, nin así parábamos: Fran comprou a metade dun posto de especias, Verónica e Uxía sacaron o máster de regateo cun tendeiro que tiña unha foto con Felipe González e Andrés desgastou os tenis para atopar unha camiseta do Tánxer a bo prezo entre as do Real Madrid e do Barcelona, que decoraban as esquinas de todas as tendas.

Como acostumamos dicir en Galicia, non todo vai ser festa. Agardábannos días longos, pois ademais das tres visitas que tiñamos previstas precisábamos vídeos de recurso. As nosas amigas de ACPP gozaron facéndonos rabiar con isto xa que, segundo dicían, o noso era obsesivo coa palabra “recursos”. E non é que teñamos ningunha fixación cos recursos nin que digamos moito recursos, pero e que os recursos son moi necesarios e sen recursos non hai documental, compañeiras de ACPP.

Verónica Couto e Andrés Vázquez xunto a Fathiya Saidi, na UAF (Unión de Acción Feminista) de Tánxer

As visitas comezaron na UAF, a Unión de Acción Feminista de Tánxer. Poñen o seu foco sobre as mulleres e sobre todos os problemas que estas teñan, dende os das empregadas do téxtil ata os das mulleres que sufriron violencia machista, dotándoas de recursos materiais, de alternativas ocupacionais ou do que precisen. O labor das traballadoras da UAF consiste en axudar tamén legalmente ás mulleres, ademais de apoialas psicoloxicamente. A portavoz da asociación, Fathiya Saidi falounos de temas clave para toda a sociedade pero dende a perspectiva da muller, como a situación no rural ou a educación nas escolas. Unha das charlas máis proveitosas de toda a nosa estancia, sen menospreciar ás demais. Fatiya é unha muller da que verdadeiramente se pode e se debe aprender.

100% mamans representa outra desas visitas polas que verdadeiramente compensa coller o avión e cruzar o estreito. Trátase dunha asociación de nais solteiras, un dos colectivos máis oprimidos de Marrocos. Dende 2006 veñen dando solucións ás mulleres e aos seus fillos, con múltiples actuacións; dende un teito ata traballo como cooperativistas, pasando en todo momento polo máis básico que buscan estas persoas: comprensión e afouteza, para que nunca esquezan que as súas vidas valen como as demais e teñen un futuro por diante.

Fran Rodríguez e Andrés Vazquez xunto a Boubker El Khamlichi, da organización sindical Atawassoul de Tánxer

A última gran experiencia vivímola a o día 8. O penúltimo, antes de adicarnos a gravar recursos e visitar cooperativas durante a derradeira xornada. Antonio xa nos tiña avisado de que ese día íamos compartir unhas horas con Boubker El Khamlichi e os sindicalistas de Atawassoul, que levan anos loitando polo benestar dos traballadores de todos os sectores e especialmente dos do téxtil. Atopamos un home sabio, que dominaba un perfecto castelán. Falounos do que quixemos, rodeado dos seus compañeiros. Estábamos diante dun exemplo de loita e de dignidade obreira, unha persoa que non se entende sen os seus ideais, que sempre os levou e sempre os levará por bandeira, pese a quen pese.

Son moitas as situacións que vivimos. A viaxe foi nosa, desfrutamos e sufrimos con ela. Pero o que todos tiñamos claro cando montamos no avión para volver a cruzar o Estreito era que os protagonistas non fóramos nós. Como convidados de excepción, puidemos ver para despois contar a realidade dun país que, aínda que estea xeográficamente preto, é descoñecido para moitos. Non había guías mellores que nos acompañasen naquela viaxe, dende o noso Antonio, un “profe” que pasou a ser un amigo, ata as compañeiras de ACPP, pasando polos Najib, Fatiya, Fatimatah ou Boubker. Eles, as súas historias, son os verdadeiros protagonistas.