Médicos do Mundo, Fundación Forjando Futuros e Enxeñaría Sen Fronteiras foron a tarde de onte os protagonistas da cuarta xornada do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional organizado por Agareso e Asemblea de Cooperación pola Paz. Aínda que nesta sesión a formación abriu paso ao terreo da cooperación, as ONGD’s invitadas tamén trataron en profundidade un dos seus maiores retos: a comunicación.

Representantes destas tres organizacións compartiron coas persoas asistentes o seu traballo en terreo, así coma os retos aos que se enfrontan nas organizacións e algunhas das solucións que intentan plantexar. Felipe Noya Álvarez (Médicos do Mundo) e Sergio Fernández Alonso (Enxeñaría Sen Fronteiras) na sala e Javier Arcediano Rey (Fundación Forjando Futuros) a través dunha conexión vía Skype con Colombia, ofreceron ao alumnado as súas experiencias agradecendo, así mesmo, os seus consellos e participación.

Felipe Noya inauguraba a sesión reflectindo as carencias dos medios de comunicación á hora de presentar a cooperantes e axuda humanitaria. Á súa petición de fuxir do “complexo do salvador branco” sumouse Javier Arcediano explicando que, para el e para moitos dos seus compañeiros, o mundo da cooperación era un traballo como outro calquera, aínda que este requirise unha vocación social distintiva. Reforzando este argumento contra o labor dos medios convencionais, Sergio Fernández engadiu unha autocrítica sobre o modelo de comunicación nas organizacións, asegurando que está focalizada na sociedade que as ONG’s queren lograr. Así mesmo, aseguraba que existe unha gran diferenza entre denunciar e loitar contra as causas, entre a acción paliativa e as accións que promoven o cambio e que se debería de empezar a apostar máis por esta segunda opción.

Despois da exposición dos membros das ONG’s, abriuse unha ronda de preguntas e intervencións. As persoas asistentes animáronse a plantexar todo tipo de dúbidas e incluso consellos que as organizacións poderían aplicar ante os mencionados “desafíos” que os manteñen preocupados. O alumnado tocou temas como o uso de certas ferramentas, o abismo existente entre medios convencionais e comunitarios e onde atopar un oco para comunicar cooperación e incluso se abriu un debate sobre unha suposta crise de valores entre os máis novos, buscando as raíces da crecente ausencia de empatía e solidariedade na nosa sociedade.