O documental Garantía de vida, producido polas ONGDs galegas Agareso e ACPP xunto coa entidade dominicana IDAC, denuncia as consecuencias que ten sobre a vida das mulleres a prohibición total do aborto vixente na República Dominicana. O filme estréase nos Multicines Norte de Vigo o próximo xoves, día 11 de novembro, ás 20h, nun cinefórum organizado pola Marcha Mundial das Mulleres e que contará coa presenza do equipo. O acceso é libre ata completar aforo.
A República Dominicana é un dos 6 países do mundo no que o aborto é ilegal en todas as circunstancias. É, tamén, o país de América Latina con máis matrimonios infantís e adolescentes e documenta, cada ano, unhas 25.000 complicacións hospitalarias relacionadas directamente co aborto clandestino. Perante esta situación, o movemento feminista dominicano demanda que, polo menos, se despenalice o aborto en tres supostos: cando o feto é inviable para a vida, cando corre perigo de morte a nai e cando o embarazo é froito dunha violación.
O documental Garantía de vida nace da premisa de que a loita feminista é unha loita global e busca unir esforzos dende Galicia co movemento feminista dominicano para crear conciencia ao redor da necesidade de defender os dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres e incidir para que se modifique a lei que penaliza o aborto en tódolos seus supostos en República Dominicana.
As familias das vítimas que xa non están contan como é ver morrer a unha filla sen que lle dean a atención médica necesaria porque un embrión aínda ten latexo ou acompañar o esmorecemento físico e mental da túa muller sen poder facer nada, porque o aborto ten que producirse só de maneira natural. A afirmación de que se as causais estiveran aprobadas agora “a miña filla, muller, irmá… estaría viva” resoa durante todo o audiovisual. Por iso o que se pide é que se garanta a vida das mulleres por riba de calquera outra cousa, porque estas mortes poderían terse evitado se non pesaran máis cuestión morais e relixiosas que o dereito das mulleres a decidir por si mesmas.
As propias vítimas contan como é ser obrigada a ser nai despois de sufrir abusos dun familiar, ser violada por un grupo de homes e que a criminal acabes sendo ti porque non queres nin podes ter un fillo froito de tanta dor. Rosa, Onelis, Jenifer, Arelis, Katiusca decidiron plantarse diante da cámara con toda a súa rabia e a súa dor, non por elas, senón polas que están por vir, para que ninguén máis teña que pasar por iso. Porque hai miles de Rosas, miles de Jenifers.
Garantía de vida é un documental cun obxectivo social e político. Para conseguilo, en primeiro lugar establécese o contexto do país caribeño en materia sexual e reprodutiva, tanto a nivel educación, social e político. E, de seguido, téntase deixar claras as terribles consecuencias que sofren as mulleres dominicanas, especialmente as de menos recursos, debido á penalización do aborto en todos os supostos. E, finalmente, ponse en valor a loita do movemento feminista dominicano para facer da despenalización do aborto en 3 causais a súa gran revolución en defensa dos dereitos e a dignidade de tódalas mulleres: pobres, ricas, racializadas, brancas, do campo, do barrio, novas, vellas… Un movemento integral e integrador que desembocou na mobilización feminista máis importante da historia dominicana o pasado 23 de maio.
A estrea do documental -o 11 de novembro ás 20h nos Multicines Norte- é o primeiro paso para que siga o seu camiño por Europa e, por suposto, pola República Dominicana, onde se estreará en xaneiro de 2022 e será o punto de arranque dunha campaña de incidencia política a favor das 3 Causais na que participará Agareso, Asemblea de Cooperación pola Paz, o Instituto de Acción Comunitaria (IDAC) e o Centro da Investigación para a Acción Femenina.