O Concello de Lugo vén de sumarse a unha campaña posta en marcha pola Coordinadora Galega de ONGD e AGARESO para combater o discurso de odio, que se viu agravado pola pandemia da Covid-19. Baixo o título de Protéxete do racismo, esta campaña de sensibilización estará visible pola cidade nas vindeiras semanas en distintas rúas, avenidas e prazas da cidade da Muralla, a través do mobiliario urbano. Tamén se distribuirá nas radios locais e redes sociais.

“Non deixes que te troleen dende os medios e as redes, combate o discurso de odio agravado pola pandemia” ou “Os prexuízos culturais e raciais son mentira e vólvense na túa contra. Non os espalles”; son dúas das mensaxes desta campaña que apela á responsabilidade persoal e colectiva á hora de loitar contra os bulos racistas, como por exemplo os ataques ás persoas con descendencia asiática que se propagaron ao comezo da pandemia ou os falsos rumores sobre unha suposta maior expansión do virus entre a poboación xitana ou en bares de “ambiente latino”; actos que foron denunciados polo Consello pola Eliminación da Discriminación Racial ou Étnica.

O Concello de Lugo actúa en consonancia coa petición do Secretario Xeral de Nacións Unidas, Antonio Guterrers, que no pasado mes de maio instou a actuar para fortalecer a inmunidade da sociedade contra o virus do odio, froito da ola de xenofobia que produciu a pandemia. “Estamos falando de parar o virus que vén detrás da Covid-19, o racismo”, segundo subliñou esta mañá na presentación da campaña en Lugo a concelleira de Benestar Social, Igualdade e Persoas Maiores, Olga López Racamonde.

Aqueles gobernos municipais que queiran adaptar a campaña á realidade do seu Concello, poden facelo contactando con Agareso.