No marco do XV Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social Comunicar para o Cambio, organizado por Agareso coa colaboración da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo e o apoio de Cooperación Galega e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, catro alumnas viaxaron o pasado xoves a Gran Canaria para embarcarse no módulo práctico da formación. Unha experiencia da que sairá unha peza de comunicación para o cambio social.
A posta en práctica do aprendido durante o ciclo comezou semanas previas á viaxe coa labor de produción. Alejandra, Andrea, Micaela e Sara, acompañadas por Pablo, técnico de Agareso, fixeron un achegamento ás temáticas da zona, estableceron contactos e debuxaron a folla de ruta da súa viaxe, escollendo a turistificación das illas como enfoque da súa peza.
Durante estes días que levan en terreo, as participantes do curso reuníronse e entrevistaron a movementos sociais que loitan por un cambio no modelo turístico e económico do arquipélago Canario. O proxecto que iniciaron ten como obxectivo por o foco nos impactos asociados ao proceso de turistificación masivo das illas, un problema global presente tamén noutros territorios.
As comunicadoras consideran que existe unha lóxica colonial no proceso de turistificación e pretenden dar luz ás problemáticas asociadas facendo fincapé en temas como a vivenda digna, os dereitos laborais, a defensa dos ecosistemas locais e a vida en comunidade. Todo isto, a través da ferramenta audiovisual, unha das traballadas durante o curso.
A viaxe e, con ela, a fase de gravación, rematará a finais desta semana. Á súa volta, o alumnado tratará tódolos coñecementos e materiais adquiridos e comezará a fase de montaxe.