A cuarta sesión (segunda a través da pantalla) do X Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional que organizamos xunto con ACPP dentro do proxecto Escolas sen Racismo estivo protagonizada por Natalia Monje, responsable de comunicación de Ecos do Sur, ademais de colaboradora en Cuarto Milenio e en diversos programas de radio. Centrou a súa intervención nas técnicas e estratexias para coñecer mellor e combater adecuadamente o discurso do odio, tan vixente nos nosos días. Comezou polo principio: definir o discurso do odio como “aquelas expresións que incitan á discriminación ou violencia por motivos de xénero, orientación sexual, cor de pel, clase social… Calquera prexuízo histórico contra un colectivo concreto.”

“A cuestión sociopolítica levounos a unha situación na que triunfou o odio”, comezou o seu discurso Monje. Explicou ao alumnado “tres marcos” sobre os que se basea a argumentación dos odiadores: “o marco que afirma que os de fóra nos veñen a roubar recursos, o de que os migrantes veñen acabar coa nosa cultura e por último o marco do valado, o da seguridade, o que afirma que se necesitan muros máis amplos”. Sentadas as bases para identificar os discursos de odio, a relatora centrouse en achegar pautas para combatelo. Insistiu na necesidade de “crear o noso propio relato, independente dos anteriores”.

“Temos que crear un marco propio, nin sequera debemos articular as nosas reportaxes en resposta ao seu sistema: debemos non telos en conta e crear un marco de igualdade real”, proseguiu Monje. Para iso, recomenda partir da base de que é necesario algo moi obvio: “tratar como un concidadán ao migrante, algo que precisamente axude a normalizar as migracións e eliminar os seus estigmas obviándoos”. Monje engadiu, ademais, uns apuntamentos sobre o tratamento que debemos dar ás nosas pezas informativas atendendo ás audiencias. “Estas divídense entre lovers, haters e ambivalentes; tendo en conta o seu punto de vista cara ás minorías. É por iso que non é malo ás veces apelar a sentimentos, pois é a mellor maneira de falarlles aos ambivalentes. Despois poderemos pasar aos datos”.

Monje achegou pautas para detectar estes discursos e comentarios co fin de desmentilos. Presentou unha serie de mecanismos de odio típicos dos xenófobos, machistas e racistas; por exemplo o argumento do chibo expiatorio (“son eles os que nos quitan o traballo”), ou algo tan simple como un argumento trampa, argumentos que non teñen resposta por ser absurdos (“se tanto defendes aos migrantes, méteos á túa casa”). “A gran pregunta é: como podemos contrarrestar este discurso?”, cuestionou Monje. Ela mesma respondeu: “Podemos desde interpoñer denuncias, á xustiza e sen denunciar o tweet para que sirva como proba, ata simplemente desmentir o bulo”. Se queremos reportar ou contestar o comentario en redes, Monje recomenda “ser reacctivo e actuar como mellor vexamos, dependendo do contexto”.

Para profundar, a relatora falou sobre os diferentes perfís de odiador, poñendo exemplos de cada un deles. Así, o alumnado descubriu ao troll, ao hater e a toda a fauna que pode aparecer en redes. “A psicoloxía social afirma que hai dous perfís de persoas que tenden ao odio: o que considera ao mundo un lugar perigoso e lle ten medo e o que o ve como unha xungla competitiva no que se un colectivo gaña dereitos é en detrimento de outro”. Neste sentido estableceu tamén as formas de manifestación destes personaxes, comentando que sobre todo se relacionan “ través de bulos, que viaxan nas redes con forma de noticia ou mesmo de meme, co fin de xeneralizar o odio entre a sociedade”.

O certo é que as migracións sucederon sempre e, como dixo a invitada, “agora mesmo non hai cifras de migracións fóra do normal, pero se é certo que agora cada vez son máis os migrantes que foxen de conflitos armados, fames negras ou inestabilidade política”. Organizacións non sospeitosas de ser libertarias, como o FMI, afirman que as migracións xeran riqueza ao país de chegada, segundo expuxo. “Ademais, cando se nos di que as persoas africanas migran a Europa, o certo é que na súa maioría migran dentro do propio continente. As migracións non son só cara ao Norte global, tamén se producen ao Leste, Oeste e Sur”.