Durante este mes de xaneiro, comezaron as primeiras actividades da Red Compás. E de que vai isto? Son grupos de mocidade de 5 localidades rurais de Galicia, que traballarán ao longo de varios meses na definición dunha axenda política e máis nunha campaña de comunicación e incidencia política.

En xaneiro e febreiro, estes grupos están reuníndose a nivel local, e están achegándose aos Obxectivos Europeos para a Mocidade (European Youth Goals): aproveitamos estas sesións para construír grupo, achegar formación sobre conceptos clave da política europea e para desenvolver habilidades relacionadas co asociacionismo, a cidadanía activa e o compromiso comunitario.

Ademais de coñecer as políticas europeas dirixida aos colectivos máis novos, tamén traballamos na elaboración dunha axenda de prioridades, necesidades e desafíos identificados polas participantes da Red Compás. A continuación, creamos interseccións entre ambas axendas: que cousas teñen en común as políticas europeas para a xuventude coas liñas estratéxicas deseñadas nas institucións? Responden os European Youth Goals ás necesidades reais da mocidade?

Este traballo ademais quere facer visible a participación e as reivindicacións dos grupos de mocidade de entronos rurais: síntense representados/as nas tomas de decisións a nivel europeo? Síntese escoitada a mocidade do rural galego?

Neste proxecto, contamos con mocidade de Silleda, Bueu, Brión, Monfero e Viana do Bolo. Como unha herdanza de EpDLab, o proxecto de educación para a cidadanía global que este ano cumpríu 10 anos de percorrido, os centros educativos actúan como espazos de dinamización comunitaria e acollen a estes grupos de mozos e mozas que queren construír un novo futuro para os seus municipios. Así, canda Agareso, apoian o desenvolvemento destas actividades o IES Pintor Colmeiro, o IES Illa de Ons, o IES de Brión, o CPI Virxe da Cela e o IES Carlos Casares.

Todas as novidades do proxecto irán publicándose na web https://redcompas.eu/

Este proxecto está financiado polo INJUVE, a través do programa Erasmus+.