Dúas mulleres defensoras da terra hondureñas visitan Galicia do 6 ao 14 de marzo no marco do proxecto Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, impulsado por Amigas da Terra e Enxeñería Sen Fronteiras co apoio da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social e o financiamento da Xunta de Galicia.

O obxectivo do programa é dar a coñecer os impactos sobre as persoas e o medio ambiente dos proxectos industriais e extractivos tanto en Honduras como Galicia, así como alternativas sustentables, poñendo o foco no labor das mulleres defensoras da terra e na necesidade de sumar forzas cara unha loita común.

Honduras e Galicia afrontan loitas ambientais moi similares. Macroproxectos empresariais que contaminan terras e augas, afectan aos ecosistemas e destrúen as comunidades ás que nin sequera se ten en conta á hora de tomar decisións.

En ámbolos dous territorios, as mulleres lideran loitas contra estes proxectos que antepoñen o beneficio económico empresarial ante todo. As mulleres defenden a terra, os dereitos e a vida. Suman entre elas forzas de cambio e sembran os xermes de moitos movementos de resistencia que se mobilizan por garantir dereitos. Este labor orixina resultados moi positivos nas comunidades, mais moitas veces a costa da liberdade das mulleres lideresas. En Honduras, mulleres son asasinadas por loitar por terras libres e sociedades xustas.

Verónica Rodríguez e Mariela Burgos son dúas de tantas mulleres que “rompen barreiras”, como a primeira reivindica. Verónica Rodríguez é lideresa comunitaria e labrega. A defensa e o liderado están presentes en toda a súa vida. Forma parte da Asociación de Desarrollo Pespirense (ADEPES), onde participa, entre outras cousas, na construción de políticas para garantir a igualdade. É presidenta da Reserva Estratégica Comunitaria de Granos y Semillas Básicas, unha organización comunitaria apoiada para asegurar a dispoñibilidade de alimentos básicos e a estabilidade de prezos nas comunidades durante períodos de escaseza e seca.

Mariela Burgos pertence á base organizada de CODDEFFAGOLF e é membro do grupo de mulleres marisqueiras Estrelas del Mar. Con elas, realiza actividades complementarias ao marisqueo para xerar ingresos. Tamén, como parte do colectivo, loita contra empresas de cría industrial do langostino que queren apoderarse dos seus espazos de recolección. Como consecuencia da defensa de dereitos, Mariela sufriu ata ameazas de morte.