Mariela Burgos e Verónica Rodríguez, defensoras da terra hondureñas, suman forzas hoxe en Ourense coas mulleres bravas da Marcha Mundial das Mulleres. Esta visita enmárcase no proxecto Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida, que planifica unha axenda de actividades para elas pola comunidade galega ata o próximo xoves 14 de marzo.

“Ogallá isto fora só unha performance”. Así concluíu a Marcha Mundial das Mulleres a actuación organizada para esta mañá do 8M na Rúa Paseo con Concordia sobre as violencias que poden sufrir as mulleres dende antes de nacer ata que son maiores. Trala performance, as mulleres desprazáronse ao Centro Sociocultural A Galleira, onde desfrutaron dun xantar comunitario e dunha tarde “pre-marcha” chea de conversas e experiencias compartidas.

O obxectivo do programa Mulleres bravas de Honduras e Galicia. Tendendo pontes entre defensoras da vida é poñer en valor no labor das mulleres defensoras da terra e reivindicar a necesidade de sumar forzas cara unha loita común. “Entender que todo é o mesmo, creo que da moitísima máis forza. A loita é común, ningunha loita é mellor ou peor que outra, hai que conectalas, a loita é contra o mesmo”, defenden dende Amigas da Terra.

En ámbolos dous territorios (Galicia e Honduras), as mulleres lideran loitas contra proxectos que antepoñen o beneficio económico empresarial ante todo. “O problema é o mesmo: as mulleres son as que máis sofren os efectos deste sistema patriarcal e capitalista”, defenden dende Amigas da Terra. As mulleres defenden a terra, os dereitos e a vida. Suman entre elas forzas de cambio e sembran os xermes de moitos movementos de resistencia que se mobilizan
por garantir dereitos.

Este labor orixina resultados moi positivos nas comunidades, mais moitas veces a costa da liberdade das mulleres lideresas. ”Allá, uno se enfrenta a muchos peligros. Nos han amenazado de muerte hasta matarnos por la lucha que tenemos para proteger nuestros recursos naturales”, reivindicou Mariela Burgos.

O corpo das mulleres, co que defenden a terra e a vida, está desprotexido. “Es muy duro sentirse así, porque las autoridades no responden, no nos escuchan, no les importa. Aún así, seguimos haciendo la lucha con la bandera bien puesta para proteger nuestros recursos y mantener la sostenibilidad en nuestra comunidad. Como mulleres bravas, tiramos para adiante”, defende a mariscadora. O día rematou, como non podía ser doutro xeito, levantando bandeiras xuntas percorrendo as rúas ourensás.

“As mulleres bravas…rompen barreiras”

Verónica Rodríguez e Mariela Burgos son dúas de tantas mulleres que “rompen barreiras”, como a primeira reivindica. Verónica Rodríguez é lideresa comunitaria e labrega. A defensa e o liderado están presentes en toda a súa vida, Forma parte da Asociación de Desarrollo Pespirense (ADEPES), onde participa, entre outras cousas, na construción de políticas para garantir a igualdade. É presidenta da Reserva Estratégica Comunitaria de Granos y Semillas Básicas, unha organización comunitaria apoiada para asegurar a dispoñibilidade de alimentos básicos e a estabilidade de prezos nas comunidades durante períodos de escaseza e seca.

Mariela Burgos pertence á base organizada de CODDEFFAGOLF e é membro do grupo de mulleres marisqueiras Estrelas del Mar. Con elas, realiza actividades complementarias ao marisqueo para xerar ingresos. Tamén, como parte do colectivo, loita contra empresas de cría industrial do langostino que queren apoderarse dos seus espazos de recolección. Como consecuencia da defensa de dereitos, Mariela sufriu ata ameazas de morte.

AXENDA DE ACTIVIDADES DO 6 AO 14 DE MARZO

A visita continúa mañá en Castro Caldelas con visitas aos montes veciñais en mancomún de Tronceda e da Serra de Mazaira. En Tronceda, as mulleres bravas poderán coñecer a historia do territorio e da repoboación do pobo autoxestionado e ver as zoas afectadas polos incendios, como se repoboaron e o tipo de silvicultura que se está aplicando. No monte da Serra de Mazaira, coñecerán as iniciativas de restauración ambiental e a creación de espazos biodiversos como a micorresinación.