AGARESO e Fundación Secretariado Xitano presentan este xoves 27 de novembro ás 17h na aula 9 do Centro Ágora (A Coruña) o audiovisual “Mocidade xitana contra o odio”, unha ferramenta educativa que busca combater os discursos xitanófobos nas aulas de secundaria galegas.

Este proxecto enmárcase no programa “Mocidade xitana contra o discurso do odio nas aulas de secundaria galegas”, financiado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, e ten como obxectivo achegar ao alumnado a realidade da xuventude xitana para romper estereotipos, combater o antixitanismo estrutural que afecta moitos ámbitos da vida destas persoas e así sumar esforzos na loita contra a discriminación.

A través deste proxecto búscase que a xuventude escoite as demandas, loitas e logros da mocidade xitana, fomentando a empatía e o entendemento mutuo entre mozos e mozas. Para isto cóntase coa participación de Abraham Gabarri e Zafira Jiménez, integrantes da Fundación Secretariado Xitano nas delegacións de A Coruña e Lugo respectivamente.

Abraham e Zafira, de 21 anos, preséntanos no audiovisual os seus gustos, intereses e hobbies mentres reivindican casos concretos de discriminación que teñen sufrido en ámbitos como a escola, a formación profesional ou o mundo laboral. Achégannos, ademais, ás súas tradicións culturais, explicando cuestións descoñecidas para a maioría dos seus coetáneos payos como o caló ou o himno.

O audiovisual construíuse dun xeito participado entre as protagonistas, que durante os meses de rodaxe filmaron vídeos e fotografías caseiras que puidesen contar as súas historias dun xeito máis próximo. Para isto, o programa desenvolveu a comezos de ano obradoiros de videoactivismo para mozos e mozas de entre 15 a 18 anos participantes da Fundación, buscando posicionar a creación audiovisual como ferramenta de denuncia e transformación social fronte ao antixitanismo.

O antixitanismo é, segundo a Comisión Europea contra o Racismo e a Intolerancia do Consello de Europa (ECRI), “unha forma específica de racismo, unha ideoloxía baseada na superioridade racial, unha forma de deshumanización e racismo institucional alimentado por unha discriminación histórica que se manifesta, entre outras cousas, pola violencia, o discurso do medo, a explotación e a discriminación na súa forma máis flagrante”. O último Eurobarómetro especial: Discriminación en la Unión Europea reflexa que a discriminación contra as persoas xitanas é a máis estendida en España e Europa. A pesar dos avances normativos, Fundación Secretariado Gitano rexistrou no 2023 384 casos de discriminación en ámbitos como os medios de comunicación, redes sociais, emprego, educación, saúde, vivenda e acceso a bens e servizos.

Segundo o Consejo para la Eliminación de la Discriminación Racial o Étnica (CEDRE) no informe El impacto del racismo en España. Percepción de la discriminación por origen racial o étnico por parte de sus potenciales víctimas en 2024, a discriminación incide con máis forza en mocidade xitana entre 18 e 35 anos, especialmente nas mulleres. No ámbito educativo, o 43,7% da poboación xitana afirma ter sufrido discriminación.

No caso concreto de Galicia, un estudo realizado por AGARESO no 2023 que analizou o discurso do odio nas aulas de secundaria, a poboación de etnia xitana é a que recibe unha maior porcentaxe de comentarios que teñen como base un estereotipo (o 85%). Destaca a presenza de estereotipos negativos como “conflitivas, problemáticas, violentas, ladroas ou malas estudantes”. Ademais, este mesmo informe conclúe que os discursos e actos racistas están en aumento e que 4 de cada 10 estudantes non consideran que isto sexa de por si algo malo. Este contexto evidencia a necesidade de traballar nas aulas galegas novas fórmulas que avoguen pola tolerancia, a igualdade e a xustiza social. Con este obxectivo nace o audiovisual “Mocidade xitana contra o odio” que, ademais da presentación aberta ao público do próximo 27 de novembro, buscará comezar este traballo nas aulas con proxeccións nos centros educativos IES Rafael Dieste da Coruña e IES Leiras Pulpeiro de Lugo. A peza será de libre uso para tódalas persoas que queiran utilizala como ferramenta educativa.