Mocidade xitana contra o odio

Mocidade xitana contra o odio é unha ferramenta educativa que busca combater os discursos xitanófobos nas aulas de secundaria galegas. Nace no marco do programa Mocidade xitana contra o discurso do odio nas aulas de secundaria galegas promovido pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) coa colaboración da Fundación Secretariado Xitano (A Coruña e Lugo) e a financiación da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia. Ten como obxectivo achegar ao alumnado a realidade da xuventude xitana para romper estereotipos, combater o antixitanismo estrutural que afecta moitos ámbitos da vida destas persoas e así sumar esforzos na loita contra a discriminación.

A través deste proxecto búscase que a xuventude escoite as demandas, loitas e logros da mocidade xitana, fomentando a empatía e o entendemento mutuo entre mozos e mozas. Para isto cóntase coa participación de Abraham Gabarri e Zafira Jiménez, integrantes da Fundación Secretariado Xitano nas delegacións de A Coruña e Lugo respectivamente.

Abraham e Zafira, de 21 anos, preséntannos no audiovisual os seus gustos, intereses e hobbies mentres reivindican casos concretos de discriminación que teñen sufrido en ámbitos como a escola, a formación profesional ou o mundo laboral. Achégannos, ademais, ás súas tradicións culturais, explicando cuestións descoñecidas para a maioría dos seus coetáneos payos como o caló ou o himno.

O audiovisual construíuse dun xeito participativo coas protagonistas, que durante os meses de rodaxe filmaron vídeos e fotografías caseiras que puidesen contar as súas historias dun xeito máis próximo. Para isto, o programa desenvolveu a comezos de ano obradoiros de videoactivismo para mozos e mozas de entre 15 a 21 anos participantes da Fundación, buscando posicionar a creación audiovisual como ferramenta de denuncia e transformación social fronte ao antixitanismo.

Mocidade xitana contra o odio

Ámbito territorial: Galicia

Data: 2025

Financiador: Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

Orzamento: 10502,01

Ano: 2025 | Peza audiovisual para uso educativo | Duración: 15′ | Idiomas:  Castelán 

Descargas

CARTEIS

VÍDEOS PARA REDES

GUÍA DIDÁCTICA

Share This