O vindeiro 20 de abril celebramos na EGAP, en Compostela, unha formación práctica e gratuíta, de 8h homologables, para as e os docentes que queiran traballar a Loita contra o discurso do odio nas aulas, apoiándose na educomunicación e na alfabetización mediática. Só hai 25 prazas e teñen prioridade as e os docentes de secundaria e bacharelato en activo, de todos os corpos e especialidades. Podedes inscribirvos aquí.

O formación, que pertence ao proxecto Xeración Contrainfo, centrarase no discurso de odio LGBTfóbico, cuxa presenza nos centros de ensino vimos de denunciar publicamente grazas ao informe elaborado pola investigadora Estrella Ramil. Na xornada formativa, debullaremos os resultados do informe e coñeceremos a contranarrativa ofrecida pola Rede Educativa de Apoio LGBTiQ+, por Arelas e por Avante Galiza LGBT. Tamén presentaremos algúns recursos pedagóxicos para traballar a diversidade co alumnado empregando ferramentas de comunicación como o audiovisual ou a memética.

Achegarémonos a varios exemplos de boas prácticas, partindo das unidades didácticas do proxecto Xeración Contrainfo, e concluiremos cunha práctica grupal na que integraremos a lectura crítica e as contranarrativas na aula para a educación en valores, a acción titorial e a atención á diversidade.