O Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social “Comunicar para o Cambio” volve o próximo 11 de febreiro á Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo (Pontevedra) coa colaboración de máis de 15 persoas expertas nas diversas temáticas que se traballan durante a formación . Ata o 31 de xaneiro, as persoas interesadas poden formalizar a súa matrícula

Comunicar para o Cambio é unha proposta formativa cunha traxectoria de 15 anos de experiencia impulsada pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) coa colaboración da Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo e o apoio de Cooperación Galega e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (Xunta de Galicia). 

Conta con 12 sesións teórico-prácticas lideradas por profesionais do sector que traballan temáticas como: o discurso do odio por razón de raza, xénero e/ou orientación sexual, o tratamento das migracións en medios e redes e a divulgación e activismo ambiental. Algúns dos nomes que configuran a programación desta edición son: Ebbaba Hameida, Paula Vilaboy (@blondiemuser), Pastora Filigrana, Murad Odeh, Marta G.Franco, Patricia Macías, Bárbara G.Vilariño, Perla (@afropoderossa) Irene Pin, Antonio Grunfeld, Pablo Santiago e Rocío Cadahía.

A estas sesións protagonizadas por profesionais da comunciación súmanse espazos de conversa con colectivos sociais galegos da man de entidades como Arelas, Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, Amigas da Terra e ONG Rescate, entre outras.

A formación compleméntase  cun módulo práctico posterior en terreo ao que poden acceder as dúas persoas que mellores traballos presenten durante o ciclo. Nos últimos anos os destinos foron: Gran Canaria, Senegal, Lepe (Huelva) e Marrocos. Durante esta viaxe o alumnado realiza unha peza de comunicación na que pon en práctica o aprendido no ciclo.