Podemos asegurar, sen dúbida, que a de onte foi unha das sesións máis estrañas de toda a historia do Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional que organizamos, un ano máis, xunto con Asemblea de Cooperación de Galicia, dentro do proxecto Escolas sen Racismo. E a partir de agora o feito que fixo anómala a charla será a tónica dominante. Debido ao Estado de Alarma decretado pola epidemia de Covid-19, os relatorios realízanse desde agora por videoconferencia. Supón unha incomodidade, pero é a saída máis factible para que o alumnado poida seguir formándose a pesar das circunstancias excepcionais nas que nos atopamos. A sesión desta semana, terceira desta décima edición, protagonizouna Lucía Mbomio, xornalista, que falou da representación das persoas negras nos medios de comunicación.

A charla atopou o seu groso na explicación da visión que xornalismo europeo ten sobre as persoas negras. “Parece que “Subsaharia” só é unha, cando as realidades de Costa do Marfil e de Nixeria son totalmente diferentes”. Deste xeito Mbomio denunciou a eliminación das personalidades individuais, algo que remarcou facendo fincapé nun exemplo moi visual: “Cando vemos esas fotos dos  migrantes na patera vemos as cabecitas… Pero non se ve nada máis aló da masa”. Para os medios, en palabras de Mbomio, “un negro só sae cando representa algo excepcional”.

O racismo acentúase cando a muller é o suxeito. O machismo faise aínda máis evidente. A través de exemplos próximos e cotiáns, algúns mesmo protagonizados por ela, Lucía  Mbomio descubriu ao alumnado unha realidade que está a pasar actualmente. “Por que os medios queren mostrar unha sociedade que é mentira? Non é admisible que neles só apareza a muller negra se está hipersexualizada”. E xa non só coa hipersexualización: “Parece que os negros teñen o seu caixón laboral e social, parece que só podes destacar no deporte ou no mundo da música”.

A relatora comentou tamén, de maneira perfectamente combinada cos exemplos e mantendo o ton próximo e alegre, outros conceptos un pouco máis concretos e que o alumnado debería coñecer. Por exemplo o “inmigracionalismo”, ou cando o  sensacionalismo atópase coa inmigración, sobre o que Mbomio comentou que “xamais nos contan nada de países do sur global e cando o fan serve para afianzar aínda máis certos tópicos e esaxeralos”. Outro concepto, descoñecido para moitos, foi a diversidade asociada á modernidade, que  Mbomio explicou nunha frase co seu propio exemplo: “eu non son moderna por ser negra”. Comentouse tamén a revictimización, ilustrada a través dunha foto na que unha voluntaria da Cruz Vermella sostiña a un home negro ao máis puro estilo da Piedade de Miguel Anxo. “Para o meu, este tipo de imaxes revictimizan, pois anulan á persoa, que pasa a ser vista só como unha vítima, como un sufridor cuxa única calidade é atravesar penalidades pero sen contexto ningún que explique a súa situación”. 

Saíron outros moitos temas, tamén fallos que cometen os xornalistas a priori “comprometidos”, e que serviron para poñer algunhas ideas do alumnado en cuestión. Foron tratados debates sobre tópicos, sobre romantización da pobreza, sobre o papel do salvador branco, sobre tratar como heroes aos protagonistas para que poidan saír na peza xornalísticas… Todo iso con exemplos, desde as fotos da  influencer Dulceida e as lentes que regalou a uns nenos ata o caso do xinecólogo congoleño Denis Mukwege.

Na parte final do o relatorio, Mbomio recorreu á ética xornalística para denunciar a falta de rigor á hora de tratar ás persoas negras nos medios de comunicación. “Non existe un libro de estilo en practicamente ningún medio, o que hai é un gran descoñecemento sobre o tratamento adecuado”. Mbomio deu pinceladas sobre numerosos temas, como que as persoas negras non só opinan de racismo, opinan sobre todo; ou que o xornalismo non se pode quedar só coa anécdota da persoa negra, senón que ten que contar a vida da persoa cos fins e o tratamento adecuados.