Pechouse, un ano máis e xa van dez, o Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional. Como vén sendo habitual, a encargada de facelo foi Llerena Perozo, que centrou o seu faladoiro nun tema clave e que, aínda que estivese xa presente dunha forma ou outra en todos os relatorios, merecía unha sesión completa para recibir a análise en profundidade que merece. Falamos do Feminismo.

A invitada comezou a súa charla comentando os poucos anos que as mulleres tiveron de co-protagonismo na historia humana recoñecida. Con ese comezo, Perozo repasou o momento actual do feminismo, un panorama cun perigo ben grande, segundo sinalou, pois “este boom feminista que estamos vivindo pode ser a morte por éxito do movemento”, ao que rapidamente engadiu que quedaba moito traballo e moita loita que dar ata lograr unha sociedade igualitaria.

Perozo baseou o seu faladoiro en falar de mulleres, en aportar referentes para o alumnado do Seminario. Para iso, organizou un exercicio no que o seu auditorio se decatou de que, efectivamente, non coñecía a moitas das grandes mulleres galegas do ámbito científico, político, xornalístico ou cultural. O exercicio deu lugar a un faladoiro no que saíron voces de todo tipo, conversas sobre mulleres, sobre fantásticas figuras esquecidas pola historia patriarcal que orixinaron coas súas biografías o presente da Galicia actual.

“Se ti naces escrava, medrarás escrava e educarás dende a idea da escravitude, porque tes medo a deixar de ser escrava”, dixo a relatora, cambiando a temática. As mulleres que medran no sistema patriarcal fano dentro das estruturas que este marca, seguindo as súas lóxicas, pois “o feminismo non é cousa de mulleres, é unha cuestión social”. “Se poñemos só nas mulleres o traballo de cambiar as cousas estamos caendo nun error, pois se convertemos ás vítimas do sistema en tamén as únicas responsables do cambio, iremos moi lentas”, expuxo Perozo, facendo alusión a que os que deben variar os seus comportamentos en sociedade son os homes. E estes, por suposto, pódeno facer sen que as mulleres llelo esixan.

A relatora aproveitou os últimos minutos da súa charla en mostrar un relato máis fondo da historia do feminismo, nos diferentes momentos da súa historia e a través de diferentes países e contextos. Dese xeito foi quen explicar as moitas variantes que este movemento ten, destacando a que considera a rama máis próxima ao seu modo de pensar, a denominada ecofeminista.

Rematou a sesión, antes de abrir o debate aínda máis, reivindicando a necesidade do pensamento crítico en todas as facetas da filosofía. “Os seres humanos non podemos ser obxectivos, para ter un pensamento crítico é clave coñecer as ideas que nos preceden, que nos fixeron chegar ata aquí… Non podemos seguir os debates sen un previo coñecemento deles, podemos caer na confrontación sectaria e iso sería moi perxudicial para a evolución de todo tipo de movemento”.