Este mércores, o alumnado do Seminario de Comunicación Social gozou dunha enriquecedora charla de Julio César Gonzales, integrante do Colectivo Audiovisual El  Maizal. Esta agrupación de comunicadores e educadores sociais é un proxecto autoxestionado que traballa á beira de comunidades, organizacións e colectivos en Ecuador, Perú e México. Os seus traballos céntranse nestas comunidades, con procesos que expresen o coidado do medio ambiente, os cambios sociais, a cultura e a xeración de alternativas ao sistema capitalista. Dentro da iniciativa, Gonzales encárgase de realización audiovisual e de investigación en Perú, centrando os seus esforzos na memoria e o territorio a través do documental e a comunicación audiovisual.

O relatorio virou en todo momento ao redor das formas de traballo documental e audiovisual, desde a súa historia e evolución ata os modos de produción. “Sempre imos depender do sistema capitalista? Non poderiamos formar a nosa propia esfera de medios que nos permita vivir e comunicar sen estar ligados aos medios de comunicación hexemónicos?”, preguntouse Gonzales neste sentido. Desta maneira, quedaron de manifesto as alternativas que crea a comunicación social a través do documental e da educación para o cambio social. 

“As producións naceron para saltar o cerco mediático reaccionario, como elemento  emancipador da comunidade, pero asentáronse como un modo de denuncia das condicións de vida dalgúns cidadáns, ademais dunha forma de expresión que eles tiñan por eles mesmos”, destacou Gonzales facendo referencia ao pasado e ao presente deste modo de expresión xornalística. De todos os xeitos, segundo o contexto de cada país, a situación é moi diferente. “A gran diferenza – destacou o relator – está no modo de traballo do goberno de quenda, pois un goberno progresista é moito máis proclive a estes movementos que un conservador”.

Pero non só iso. Os oíntes puideron contaxiarse do modo de vida en comunidade e dos pobos latinoamericanos. É un punto moi descoñecido para os europeos, pois o concepto é diferente. En relación a isto, Gonzales mesmo aproveitou para recomendar autoras para saber máis sobre estes temas. Deste xeito, o alumnado puido descubrir as diferentes realidades que existen e suceden no territorio onde máis se desenvolveu a comunicación social.

O debate comezou na segunda parte do relatorio. Foron tesitura temas como a autoría das obras audiovisuais e o cambio na propiedade dos medios de produción comunicativo. “Son contextos distintos, o europeo e o americano, pois aquí existe unha industria cultural e alá aínda está en formación”, dixo respecto diso o orador. Neste sentido, asaltaron dúbidas sobre conceptos legais e burocráticos que teñen que ver co documental, algo que a pesar de non ser a base da comunicación, é clave na práctica. Queda claro, polo tanto, que os diferentes prismas de visión sobre os que se pode observar o tema saíron á palestra para beneficio dos intereses do alumnado. Para concluir, Gonzales amosou aos seus oíntes varias curtas documentais producidas por comunidades indígenas, sobre os que despois se fixo un debate.