Integrantes de Somos Acubillo reuníronse esta mañá con representantes políticos no Parlamento de Galicia, para trasladarlles “o impacto que ten a desigualdade na vida das persoas, migrantes e galegas, que loitan cada día por saír adiante”.

Belén Castro, Rosa Esther Meza, Yasseyda Moreno e Euro Toribio conversaron coa deputada socialista Silvia Longueira e coa deputada nacionalista Olalla Rodil, sobre a necesidade de que “cada persoa poña da súa parte na construción dun futuro mellor para toda a sociedade”. “Unha sociedade máis xusta é unha sociedade máis sá e feliz”, lembraron as representantes deste grupo de persoas económica e socialmente vulnerables. E destacaron a mensaxe da campaña de sensibilización que eles e elas mesmas idearon, acompañados polas ONGs Agareso e Provivienda, baixo a premisa de que “entre todos, podemos conseguir un futuro mellor”. “Depende de cada un de nós”, afirmaron, “cada un debe asumir a súa responsabilidade”.

Neste sentido, Belén, Rosa Esther, Yasseyda e Euro lembráronlles ás parlamentarias galegas que as administracións públicas teñen un importante papel na loita contra a desigualdade e puxeron o acento no acceso á vivenda e a un traballo digno. “O acceso á vivenda é un problema xigante que afecta, practicamente, a toda a sociedade”, afirmaron. Neste sentido, Rosa Esther lembrou que “a felicidade das nosas familias depende de que teñamos unha vivenda digna” e pediulles aos partidos políticos que interveñan para resolver a ausencia de vivendas dispoñibles para as persoas en situación de vulnerabilidade económica ou social.

Belén, pola súa banda, lembra que “un bo traballo podería axudar a paliar o problema da vivenda”, pero “hai persoas que non poden traballar e é necesario que teñan axudas sociais” e “moitas outras preferirían ter un bo traballo a recibir unha axuda, pero necesitan que alguén lles dea unha oportunidade de mostrar a súa valía”. Euro destaca que as persoas migrantes necesitan “empatía, para axudar a soportar o duelo migratorio e axilidade nos trámites, para evitar a revictimización”. Queren achegar canto antes, sentirse útiles e parte da sociedade que os acolle, pero senten que a burocracia os limita, fréaos. “Unha burocracia máis áxil permitiría aos migrantes ser produtivos para a sociedade”, di este solicitante de asilo. Neste sentido, Yasseyda pon o acento na dificultade para convalidar os títulos e a experiencia laboral noutros países. E insiste en que estamos a desaproveitar a súa valía.

O catro representantes de Somos Acubillo lembraron, tamén, que está nas mans das administracións educativas, das e os docentes e das familias educar ás e os mozos, que son os cidadáns do futuro, na empatía. “Educar para a igualdade e a xustiza real”, como lembra a súa compañeira Rosbelys na campaña de sensibilización que se pode ver estas semanas en redes, medios e cartelaría urbana.

As autoridades sanitarias e o persoal sanitario teñen, tamén, unha importancia capital para este colectivo. “É necesario ter boa saúde mental e todos somos responsables da saúde mental de quen temos ao redor”, lembran, “pero é especialmente importante que as persoas e entidades responsables sexan conscientes de que cando hai unha dificultade é necesario complementar a medicación con outros achegamentos e terapias”. En resumo, Somos Acubillo pide ao conxunto da sociedade “tratar aos demais como nos gustaría que nos tratasen a nós”. Ás veces é, simplemente, porse no lugar da outra persoa. Interesarse polo seu benestar. Preguntarlle como está, como lembra a solicitante de asilo haitiana China. E, tamén, saber pedir axuda cando a necesitamos, como di Miguel.