O alumnado comezou o seu percorrido por Marrocos na zona Oriental do país, coñecendo a cidade de Nador. Alí puideron fixar o seu primiro obxectivo: dar visibilidade á situación de migración tanto na fronteira, coma dentro do propio país. Verónica Couto, Fran Rodríguez e Andrés Vázquez centraron as súas primeiras horas de traballo nas historias de inmigrantes subsaharianos que se “refuxian” en Marrocos huíndo das malas condicións de vida dos seus países de orixe. Todos eles, sen embargo, coinciden na necesidade de sentirse acollidos por este país, mentres este lles dá as costas.

A asociación ASTICUDE continuou presente no percorrido, sendo unha das súas técnicas de proxecto, Angelina Pote s’Ongegowo, a primeira entrevistada do día. Con ella o alumnado transportáronse ao día a día dos subsaharianos no oriente marroquí, onde son tremendamente rexeitados pola sociedade. Angelina puxo o foco, así mesmo, no plus de discriminación que sofren as mulleres migrantes, que teñen que convivir con abusos, violacións e medo. A técnica facía fincapé nas pésimas condicións do bosque no que se refuxian moitos dos inmigrantes que non obtiveron aínda permisos de residencia, onde as posibilidades de supervivencia son cada vez máis complexas. Por outra banda, Fatimata Barry, unha das beneficiarias dos proxectos da ONGD ASTICUDE, afondaba nas profundidades deste bosque mentres contaba a dureza dos seus días alí e recordaba a situación que teñen que soportar moitas das súas compañeiras.

As últimas horas da tarde e depois dun día centrado na historia de Fatimata, Verónica, Fran e Andrés coñeceron a Ousmane Ba, presidente da asociación Collectif des Communautés Subsahariennes au Maroc, unha das iniciativas máis esperanzadoras que existen agora mesmo na zona para os inmigrantes subsaharianos. Ousmane xa se adiantaba ao que os alumnos coñecerían no seu terceiro día de viaxe ao explicar un proxecto sobre enerxías renovables que leva a acabo a asociación Homme et environement en Berkane. Como o seu propio nome indica, esta ten como propósito a integración social dos seus traballadores e as súas traballadoras e a posibilidade de ofrecerlles un diploma de formación para obter os permisos, así como o coidado do medio ambiente.

“Non podes falar de África en Europa nunha oficina con aire acondicionado. Tes que vir a África, sentir o sol, e ver como a xente vive”, reivindicaba Najib Bachiri, presidente de Homme et environement ao defender a necesidade de actuación ante o problema migratorio. Durante esta visita, o alumnado profundizou en historias concretas de inmigrantes subsaharianos, tratando de fuxir da visión que ofrece Occidente sobre inmigración. Edwar, Onyeka, bernise, Elise, Fabrise e Willitor compartiron as súas historias, todas elas iniciadas en Camerún ou Nixeria, pero expandidas xa lonxe das súas fronteiras e buscando coñecer outras novas.