Esta tarde iniciamos en Compostela o IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional, coas verbas de benvida do coordinador do Seminario e membro de AGARESO, Antonio Grunfeld; da presidenta de AGARESO, Rocío Cadahía; do delegado de ACPP en Galicia, Alejandro Quiñoá; e do decano da facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Ramón Pousa.

Na primeira sesión, ademais, os ex-alumnos do Seminario Uxía Pérez e Marcos Fernández contaron a súa experiencia na viaxe organizada a Marrocos. Asemade, presentaron o produto final resultante da experiencia: a curtametraxe documental sobre a situación da muller marroquí titulada Zanka Dialna. A rúa é nosa.

Todas as persoas participantes sinalaron a ausencia de formación, na educación tradicional, relacionada co eido social e coa comunicación. Neste sentido, recordaron que o Seminario está enmarcado dentro do proxecto Escolas Sen Racismo organizado por ACPP e AGARESO, con financiamento de Cooperación Galega, e busca asentar as bases da cooperación e a comunicación para o desenvolvemento das boas prácticas e ensinarlles ás persoas participantes a elaborar discursos alternativos.

Durante a seguinte sesión, o xornalista especializado en Dereitos Humanos, solidariedade, cooperación e comunicación para o desenvolvemento e fundador de AGARESO Juan de Sola Vollbrecht achegounos ao eido das Radios Comunitarias de maneira teórica pero afondando na práctica e en vivencias persoais. Asemade, trouxo con el vivencias contadas en primeira persoa a través de videoconferencias con persoas de Latinoamérica que traballan neste mundo das Radios Comunitarias.

Voces locais de alcance mundial

Contamos coa presenza de Mónica Valdes, vicepresidente de AMARC (Asociación Mundial de Radios Comunitarias) en Latinoamérica. Ela explicou o funcionamento neste territorio da Radio Comunitaria e a importancia que este tipo de medios teñen, denominándoos como “democráticos e libres”. Ademais, Wendy Quintero falou deste tipo de radios en Nicaragua – territorio onde se vulneran os Dereitos Humanos- así como das Radios Comunitarias de corte feminista existentes e nas que ela mesmo colabora. Por último, púidose escoitar a voz de Héctor Camero Haro, orixinario de México, que explicou a vulneración de DDHH e liberdade de prensa que viven no seu país, así como a importancia que os medios comunitarios teñen no día a día das persoas, especialmente nas comunidades indíxenas.