Galicia acolle a próxima semana as estreas da peza documental elaborada por AGARESO Mar de fóra sobre a migración feminina a Canarias. O xoves 6 ás 20h o equipo de Mar de fóra presenta o seu traballo na Casa das Campás (Pontevedra) coa colaboración da Universidade de Vigo. O venres 7 a peza viaxa a Vigo e proxectarase á mesma hora (20h) no local da Morada Cooperativa.

En xullo, Ángel Cea, Érika Martínez e Miriam Rodríguez viaxaron a Gran Canaria para afondar en tódolos coñecementos adquiridos durante o XIV Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social “Comunicar para o Cambio” organizado por AGARESO no 2024. Durante esta experiencia, na que estiveron acompañadas por Antonio Grunfeld, técnico de AGARESO, Javier Ramos, voluntario da entidade, e polo equipo humano de diversas entidades en terreo, produciron Mar de fóra.

A curta documental trata de debullar a realidade migratoria feminina a través de voces protagonistas e persoas que traballan directamente con elas na súa chegada á sociedade canaria. “El camino es muy peligroso para las mujeres. Pasan por zonas donde no hay leyes que las protegen. Cualquier aspecto de su cuerpo es usado como mercancía”, relata unha destas voces.

Por mor do xénero, as mulleres sofren un dobre drama migratorio. Están expostas a violacións, situacións de maltrato e incluso escravitude, e cando chegan á sociedade española enfróntanse tamén a prexuízos que agudizan a súa situación de vulnerabilidade.

Cada vez son máis as  mulleres que deciden abandonar os seus países de orixe fuxindo da violencia e as vulneracións de dereitos e embarcarse na ruta canaria, unha das máis perigosas do mundo. Ao chegar ao seu destino, as súas historias pérdense entre as de milleiros de homes. “Cuando me vine aquí tenía 17 años. Yo era la única mujer en mi barco. 65 todos hombres”, conta unha das protagonistas. Canarias bateu en 2024, por segundo ano consecutivo, o récord en chegadas de persoas migrantes. Os portos do arquipélago recibiron a case 47.000 persoas migrantes segundo datos do Ministerio de Interior.