Sempre é como unha volta á casa cando á “ex-agaresiana” Gabriela Sánchez lle toca a quenda de palabra. Na sétima sesión do X Seminario de Comunicación Social e Cooperación internacional recibimos á coordinadora do Desalambre de eldiario.es, sección dedicada aos Dereitos Humanos do dixital dirixido por Ignacio Escolar. Coas súas palabras, quenes estaban alén da videochamada puideron profundizar no papel da prensa escrita dentro da rama social do xornalismo, ademais do rol que desempeña o enfoque que nos ocupa dentro dos grandes medios xeneralistas.

“A sección social non pode ser un caixón de xastre, no que entre todo o que non se axuste a outra cousa”, comezou a relatora por dignificar a súa área de traballo. Expuxo as súas ideas, formadas a partir da súa curta pero experimentada aventura laboral: “Nós contamos con nosa propia axenda, non nos guiamos pola xeneralista, pero aínda así debemos superar o reto de seguir resultando atractivos para a audiencia”. É por iso que o noso obxectivo é algo que Sánchez definiu como “o equilibrio” entre a esencia comprometida socialmente e o punto atractivo que chama á audiencia para lernos. “É moi importante aproveitar os picos de interese, como cando durante o ano pasado, durante o bloqueo do Open Arms no verán, desde Desalambre copamos case o xornal enteiro”. Para conseguir esta capacidade de alcance, a que falaba puxo en valor tanto as reportaxes como as noticias breves, aclarando que “cada un dos xéneros pode ser adecuado dependendo das circunstancias”, polo que o curto e noticioso non debe ser en ningún caso repelido de primeiras.

Sánchez puxo un exemplos do seu día a día en  Desalambre para apontoar as ideas que lanzou ao alumnado. Expuxo as súas rutinas de traballo, as súas formas de contraste de fontes (tamén de fontes oficiais), os modos de publicación, o día a día traballando da man con ONG, as recomendacións para traballar en equipo con outros medios… “Son estratexias, quizais non son en grao sumo comentado, pero son importantes para a nosa rutina”. Desta forma, combinou a práctica coa teoría para explicar o panorama da área social do xornalismo dentro da prensa escrita tradicional.

A nosa relatora detívose para falar de como se viviu en Desalambre a Traxedia do Tarajal. Foi un relato duro, sobrio, que serviu ao alumnado para descubrir a realidade que se oculta detrás dunha noticia ou dunha reportaxe. Todo o traballo realizado, o contraste de fontes tan importante neste caso, a importancia de contar con todas as versións dun feito e comprobar que ningunha delas é  discordante… “Tentamos ver todas as frontes polas que se podía mirar á información que chegaba desde Interior: sacamos todas as versións dos feitos que ao longo do día foron declarando, contamos con todas as fontes posibles, investigamos e preguntamos… E o resultado foi duro pero, ao final, moi bo”.

A xestión da traxedia, na que morreron 15 persoas que tentaban alcanzar Ceuta, evidenciou para a relatora que non se debía confiar nin nas fontes oficiais. Ese día serviulle para aprender moito sobre o seu oficio, desde a importancia da boa praxe ata a observación do “deshumanizado” que está o mundo da política e da Administración. Sánchez mostrou seguidamente un vídeo realizado por Desalambre, por eldiario.es, no que se pode ver que todas e cada unha das declaracións do Ministerio do Interior sobre a traxedia de Ceuta eran mentira. O exemplo non puido ser máis claro.

Feito un pequeno e necesario descanso, a relatora confesouse co alumnado, ao que contou como un medio tan grande como eldiario.es se adaptou á xa famosa “nova normalidade” do coronavirus. Para toda a redacción supuxo un gran trauma, cambiou totalmente os métodos de traballo, comezando co feito de que nin sequera se poida ir á oficina. “A nivel individual tamén foi un golpe, cheguei ata a sentirme bloqueada cando me poñía diante do teclado”, recoñeceu con naturalidade a protagonista da sesión de hoxe.

“A crise do Covid-19 ocupouno absolutamente todo desde que irrompeu nas nosas vidas”, dixo Sánchez para iniciar a última parte da súa intervención. Acto seguido, comezou unha análise dos medios de comunicación españois e a súa forma de tratamento do tema desde o punto de vista social. Por suposto, isto suscitou o debate entre o alumnado, pois os recortes de prensa que presentaba Sánchez a través da pantalla compartida fixeron brotar as opinións. Coas ideas que foron xurdindo foise formando un discurso, o dos “aprendices” do social unido co da relatora, horinzontalizando totalmente a sesión.