Xeración Contrainfo é un proxecto de Educación para o Cambio Social impulsado por Agareso co financiamento da Xunta de Galicia e co apoio de distintas entidades sociais, así como dos tres Institutos de Educación Secundaria que participan nesta edición: o IES Milladoiro, o IES de Soutomaior e o IES Politécnico de Vigo. Unha vez rematado o traballo en aula, organízase unha formación para devolver ao profesorado todas as aprendizaxes adquiridas.

A radicalización dos discursos de odio entre o alumnado de Secundaria motivou a posta en marcha dunha iniciativa como a de Xeración Contrainfo. Segundo relatan as persoas vitimizadas, o clima de polarización social nas aulas elevou os niveis de intolerancia e de agresividade e multiplicou as condutas excluíntes en contra delas pola súa etnia, orixe ou pertenza ao colectivo LGBT. A esa discriminación engádese a de xénero, que impacta en todos os colectivos, pois as rapazas sófrena en maior medida que os seus compañeiros varóns. 

O obxectivo do proxecto consiste en atallar a raíz dos mecanismos que xeran os discursos do odio, vizosos nun contexto de escasa alfabetización mediática e consumo abusivo de contidos dixitais, acompañado de poderosas campañas globais que promocionan posicións intolerantes e radicalizadas con intereses económicos e políticos. 

Desde a súa posta en marcha en 2022, Xeración Contrainfo desenvolveu tres edicións. A primeira delas axudou a identificar o discurso do odio racista nas aulas e a segunda puxo de manifesto a indefensión do alumnado LGBT. O curso 2024 deu comezo á terceira edición cunha análise da presenza da misoxinia e do antifeminismo nos institutos galegos. Ese labor continúa este ano, en que se aplicou nas aulas unha metodoloxía elaborada a partir da información recollida con docentes, equipos de investigación e colectivos.

A estas alturas, Xeración Contrainfo organiza unha formación de 8 horas, gratuíta e homologable, dirixida a profesionais da docencia na etapa de secundaria para devolver todas as aprendizaxes adquiridas ao longo do proxecto. Esa cita será o 25 de abril na oficina da ONG Agareso en Santiago de Compostela, sita na rúa Pérez Constanti, 15 https://forms.gle/8iKip4ZN5f47D2qQ6.

O equipo que conforma esta iniciativa agradece desta forma o compromiso na defensa da xustiza social exercido de maneira discreta por persoas vitimizadas, alumnado, profesorado, familias, universidades e entidades sociais coas que se tivo contacto. Esa pluralidade de voces unidas na loita por un obxectivo común en favor dos dereitos humanos é, en grande medida, o maior acerto do proxecto dende a súa definición inicial.