Este sábado, 30 de novembro, participamos na xornada Abordando a coeducación no eido educativo organizada polo CAFI en Santiago de Compostela, onde puidemos compartir co profesorado as metodoloxías e os materiais que empregamos para loitar contra o Discurso de Odio nos centros de ensino a partir da empatía e das contranarrativas, especificamente a través do proxecto Xeración Contrainfo.

Compartimos espazo coa doutora en socioloxía e experta xénero igualdade da Universidade de Granada Carmen Ruíz Repullo, que ofreceu estratexias para educar en e para a igualdade; coa psicóloga do Servizo de asesoramento psicosocial á mocidade da Consellería Política Social (Quétote +) Noa Tilve Cabada, que falou sobre como educar na sexualidade para construír relacións saudables; coa coordinadora do programa Poñendo os lentes de AMINO Galiciam, Bibiana Araujo López, que falou de violencia sexual e maltrato; co avogado especializado en dereito contra a discriminación Miguel Vieito Villar, que abordou a necesidade de construír espazos seguros e inclusivos, tamén, tendo en conta a diversidade afectivo-sexual; con Rosi Arcos Caamaño da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR); e con Luis Miguel Romero Bernal que presentou o proxecto integral de centro desenvolvido nun contexto de vulnerabilidade cultural, social e económica en Torreblanca, Sevilla.