EpDLab xa rematou o primeiro obradoiro nos 5 centros participantes, e seguimos traballando a avaliación como estratexia de aprendizaxe
Despois de tantos anos traballando, comezar cada ano EpDLab é como volver á casa. Pero a experiencia tamén nos ensinou que os grupos nunca son iguais, que o contexto marca moitos cambios, e que nós tamén medramos con cada nova aprendizaxe. Velaquí que, dende o pasado curso, o profesorado e o equipo de Agareso decidimos explorar novas ferramentas de avaliación; pero sobre todo, decidimos que queremos unha avaliación para a aprendizaxe, que nos sirva a alumnado e a profesorado como estratexia para apoderarnos do proceso e da comunidade creada. Así, deixamos nun segundo plano a valoración cuantitativa de resultados e comezamos a traballar con preguntas abertas, en cuxas respostas o alumnado achega as guías para as seguintes sesións, ao tempo que visibilizamos as aprendizaxes de cada xornada.
Á vez, seguimos usando a creación dixital como traballo práctico, isto é, como dinámica para guiar a expresividade e para desenvolver competencias de educación mediática, tanto na busca e lectura de contidos dixitais como na produción responsable dos mesmos.
En conclusión, démoslle unha volta ao que entediamos por avaliación, e agora convertémola nunha actividade máis dun proceso de ensino-aprendizaxe significativo, que promove as interaccións entre iguais e a creatividade como metodoloxías didácticas.