Este módulo do curso de especialización na comunicación para o cambio social centrouse no correcto tratamento informativo da identidade de xénero e da orientación sexual con varias actividades prácticas e teóricas.

 A situación do alumnado LGBTIQ+ nos centros de ensino, o emprego do vocabulario correcto para aludir ás diferentes expresións de xénero e orientacións sexuais, o incremento dos discursos contrarios á pluralidade e diversidade sexual e a evolución histórica das loitas polos dereitos sociais destes colectivos. Estes foron só algúns dos temas abordados ao longo das tres sesións desta semana do curso de especialización en comunicación para o cambio social Comunicar para o Cambio, organizado por Agareso, en colaboración ca Universidade de Vigo.

O segundo módulo deste programa informativo construíuse en torno á cuestión da LGBTIfobia e como combatila dende as prácticas comunicativas. Así, na primeira das xornadas, os activistas Xandre Garrido, antropólogo e participante de varios movementos sociais, e Ana M. Amigo, pedagoga especializada en teorías queer, centraron as súas intervencións en dar a ver como o sistema cultural reproduce no día a día as violencias contra as persoas non cisheteronormativas.

Partindo de testemuñas propias e amparándose nos datos de diferentes estudos, trazaron un diagnóstico da situación destes colectivos en Galicia, onde seguen a ser denunciadas, vítimas de discurso de odio e mesmo de agresións verbais ou físicas, coma a sufrida por Samuel Luiz -rapaz asasinado nun ataque homófobo na cidade da Coruña- ou pola xoven trans que foi empuxada dende o alto da muralla de Lugo.

Tanto Garrido coma Amigo advertiron do perigo da “lexitimización” da LGBTIfobia na esfera pública a través de diferentes políticos e responsables públicos e chamaron a non validar e combater esta serie de discursos. De igual xeito, partillaron cos alumnos do curso un glosario con termos específicos para aludir correctamente a temas vencellados á situación das persoas LBGTIQ+ e repasaron diferentes exemplos de boas e malas prácticas comunicativas nos medios de comunicación.

A sesión do martes contou ca participación de Bárbara G. Vilariño, xornalista especializada e colaboradora en diferentes medios, e da investigadora, Daniela Ferrández, cuxo traballo se centra na historia da disidencia sexual. Ferrández contribuíu a ampliar o marco teórico xa debuxado na primeira sesión cunha aproximación á historia das loitas do movemento LGBTIQ+ en Galicia; mentres que Vilariño fixo unha aproximación mais práctica de cara a comunicar a diversidade, con varios exemplos e referencias.

Por último, a sesión do mércores tivo unha traza máis participativa e interactiva, xa que os asistentes puideron formar parte dunha mesa redonda ca profesora e membro da Rede LGBT Ana Ojea e ca activista da Asociación de Familias de Menores Trans (Arelas), Sara Covas. Ambas as dúas son participantes da última edición de Xeración Contrainfo, un proxecto de educación para o cambio social de Agareso pensado para atallar os mecanismos que artellan o discurso de odio.

Sonia Díaz, técnica de proxectos, moderou a mesa de debate, na que se introduciron diferentes asuntos recollidos polo estudo da situación do alumnado LGBTIQ+ nos centros educativos galegos publicado esta semana por Agareso, que recolle as respostas de máis de 500 alumnos e cerca dun cento de docentes. As estatísticas recollidas permiten afirmar que estes espazos non son “lugares seguros” para esta comunidade, e así o avalaron as testemuñas das dúas participantes nesta última xornada deste segundo módulo do curso. “A neutralidade na educación non existe”, afirmou Ana Ojea, que reclamou un maior compromiso do profesorado neste eido.

A segunda semana de Comunicar para o Cambio pechouse cunha actividade práctica, na que os alumnos do curso tiveron que sentar as bases dun proxecto de intervención en centros escolares para atallar a LGBTIfobia nalgúns dos grupos máis conniventes con estes abusos e discriminacións na ensinanza.

O próximo luns dará comezo un novo módulo deste programa formativo, centrado no medio ambiente, na conservación do territorio e na preservación da biodiversidade.