O Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolleu esta tarde a estrea da curta documental La Tribu e máis das pezas de ficción Empezar de cero e Vidas paralelas, creadas por 22 rapazas e rapaces de entre 14 e 23 anos en situación de vulnerabilidade social, dentro do proxecto A Tribo, deseñado polas ONGs galegas AGARESO e IGAXES, co apoio de Obra Social “la Caixa”.

Segundo explicaron Ihara Aglione e Gabriela Sánchez na estrea, foron as propias rapazas e rapaces quen decidiron qué querían contar e cómo contalo, para representar eses aspectos da xuventude que nunca amosan as películas e as series. Idearon e gravaron tres curtas que reflicten as súas personalidades, que son diferentes, pero que teñen cousas en común, como a súa vontade de encaixar nun grupo, as consecuencias das malas decisións ou a responsabilidade que ten o resto da sociedade na solución dos conflitos que lles afectan. “Parece que a xuventude está durmida, apagada, que non podemos pensar por nós mésmos”, din, “pero quizais non é así, igual se nos dan a ferramenta para expresarnos, podemos demostrar que a xuventude non é tan baleira e banal, que hai partes do sistema no que vivimos que non nos gusta e que temos ganas de cambialo, que podemos cambialo.”

Na curta documental La Tribu (en youtube), Gabriela Sánchez, Pamela Quiñones, Cristian Bellas, Cristal Jiménez y Mariana Michels reflexionan ante a cámara sobre como afrontan os seus problemas, como valoran a sociedade na que lles tocou vivir, como se perciben a si mesmas e como encaran o futuro. Un relato honesto de adolescentes que se recoñecen claramente fóra do sistema, pero aos que lles gustaría ter a oportunidade de modificar ese sistema e de construir a súa propia Tribo.

Pero é difícil mirar cara a dentro e contar as cousas que nos afectan, sobre todo en primeira persoa. Por iso, dous dos grupos de traballo escolleron a ficción como formato para encarar as súas reflexións.

En Empezar de Cero (en youtube), o protagonista é un menor que chegou de Marrocos sen saber falar español e sen ningún apoio familiar. A historia comeza coa súa chegada ao centro de protección de menores, a súas primeiras amizades e os seus primeiros pasos para aprender a comunicarse noutro idioma e noutra cultura. Pero tamén a soidade, a necesidade de atopar a súa propia tribo, e como nesa busca acaba tomando decisións con consecuencias nefastas. A mensaxe final da curta ideada e realizada por Ihara Aglione, Ismael García, Siffedine Akasbi, Jorge Julio Fernández, Hipólito Barro e Marcelo Ríos é unha chamada a reflexionar sobre as enormes implicacións que teñen nas nosas vidas todas e cada unha das decisións que tomamos.

Na segunda ficción, Vidas Paralelas (en youtube), abórdase a experiencia de dous irmás adolescentes con problemas coa súa familia, que chegan a un punto sen retorno cando o seu pai morre. Ao verse totalmente sós, toman camiños distintos para encaralos. O rapaz optar por madurar antes de tempo, por responsabilizarse e estudiar, buscar traballo… e a rapaza intenta evadirse no consumo de drogas, chegando a roubar ao seu propio irmán para seguir consumindo e, finalmente, a entrar no cárcere. Pero, unha vez máis, visibilízase a importancia vital que teñen as segundas oportunidades nestas idades e nestes contextos e Juan Esteban González, Pablo Luis Cabarcos, Julia López e Pedro Manguelle queren ofrecerlle a súa a esta personaxe de ficción, a través do seu irmán.

A Tribo é unha intervención integral deseñada polas ONGs galegas AGARESO e IGAXES, co apoio de Obra Social “la Caixa”, para fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, e loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade tutelada estea nun centro de protección por facer algo malo ou que alumnado con dificultades nos estudos non teña vontade de aprender. Estereotipos que, cando afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable, poden chegar a converterse nun estigma moi doloroso. A Tribo quere reverter ese estigma e mostrar as enormes capacidades destas mozas e mozos, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade.

Ademais do obradoiro de vídeo participativo do que xurdiron estas curtas, A Tribo inclúe reforzo escolar durante todo o curso e mais obradoiros de educomunicación nos institutos aos que asisten estes mozos e mozas, para reflexionar conxuntamente co resto do alumnado sobre as dificultades extraordinarias que afrontan os compañeiros e compañeiras en risco de exclusión e as políticas de equidade que serían precisas para contrarrestalas.

Estas actividades complementaranse, á volta do verán, cunha campaña de comunicación pensada para recordarlles ás comunidades escolares, xusto antes do comezo do curso, o que representa para a rapazada a inequidade e a necesidade de que todos como sociedade contribuamos a combatela. A campaña está sendo deseñada a partir das mensaxes que eles mesmos definiron nas sesións de traballo e será perfilada e executada, tamén, por elas e por eles, xa que son estas mozas e mozos os verdadeiros axentes do cambio, ideadores de solucións e xeradores de impacto público.

As fotos son de Andrés Fraga.