A Facultade de Comunicación da USC acolle esta mañá, ás 12h, a preestrea de Tras la valla, a curta documental sobre a situación das persoas migrantes en Marrocos que gravaron o pasado verán en terreo tres estudantes do Seminario de Xornalismo social e Cooperación internacional que organizamos cada ano, xunto con ACPP. A estrea oficial será o vindeiro venres 28 as 20h, na Facultade de Filosofia da USC.

A través da vivencia persoal da guineana Bari Fatimatah e o marfileño Kone Mohamed, a curta documental Tras la valla pretende reflictir a difícil situación das persoas migrantes que chegan a Marrocos en busca de unha vida mellor. É tamén unha crítica ás políticas migratorias, que se endureceron nos últimos anos para intentar frenar a chegada de inmigrantes a Europa, sen ningún resultado.

“Son moi poucas as organizacións que traballan en terreo para garantir que estas persoas teñan garantidos os dereitos básicos” aseguran os seus guionistas, Verónica Couto e Andrés Vázquez. Os dous, xunto con Franciso Rodríguez -responsable da dirección de fotografía e máis da edición do documental- foron os alumnos seleccionados para completar en terro a formación na pasada edición do Seminario de Comunicación social e Cooperación Internacional que organizamos cada ano a Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO) e Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) na Facultade de Comunicación da USC, dentro do proxecto Escolas sen Racismo.

As persoas interesadas na décima edición do Seminario, que se celebrará os mércores, dende o 4 de marzo até o 13 de maio, de 16h a 20h, na Facultade de Comunicación da USC, poden inscribirse até o 3 de marzo. Tedes toda a información aquí.