Coincidindo coa estrea do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional, pechamos tamén o ciclo da anterior edición. Hoxe celebramos no salón de actos da Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela a presentación da curtametraxe documental Zanka Dialna (A rúa é nosa), un traballo elaborado en terreo polos tres alumnos elixidos na anterior edición desta formación.

Marcos Fernández, Leticia Francisco e Uxía Pérez, acompañados dos voluntarios de AGARESO María Aneiros e Antonio Grunfeld, viaxaron a Tánxer o pasado mes de xuño para sumerxirse nunha experiencia que supuxo para eles un auténtico aprendizaxe tanto a nivel profesional como persoal. Zanka Dialna é o froito que presentan como resultado de oitos días de motivación e emoción a flor de pel ante a necesidade de berrar historias silenciadas. Un traballo con un obxectivo claro: amosar unha muller marroquí privada de dereitos que agora alza a voz empoderada para defendelos e recuperalos.

Ante a ollada impaciente do público, os tres ex-alumnos expuxeron un breve resumo das sensacións e aprendizaxes adquiridas en Marrocos durante a semana de gravación. Unha vez contextualizado o traballo, a proxección envolveu aos asistentes na atmosfera tanxerina durante 25 minutos de pura intensidade, dor, esperanza e loita. Así o describía unha das espectadoras: “Despois de vivir este pequeno baño de realidade doume conta de canto me fixo sentir e comprender. Canta impotencia, canta verdade e dor observei en aquelas miradas. Canta admiración por unhas mulleres tan loitadoras e que tanto teñen sufrido. O certo é que cheguei a sentirme pequena ao lado da súa valentía e ao mesmo tempo moi feliz por ter a oportunidade de coñecer e comprender as súas historias”.

A boa acollida amosou que a mensaxe que a curtametraxe buscaba transportar dende o outro lado do estreito chegara ao seu destino: o público. Tódolos asistentes sinalaron a valentía que demostraban as mulleres que loitan por cambiar as cousas, así como as dificultades que se viven nunha realidade tan próxima e á vez tan lonxe de nós. Interesáronse, así mesmo, polo proceso emocional que cada un dos membros do equipo sufrira ao longo da súa primeira experiencia como portavoces do social, e como isto podía reflexarse no resultado. Non faltaron tampouco os agradecementos tanto por parte do público coma por parte dos protagonistas, os que non dubidaron en dar as grazas pola asistencia e facer mención especial ao seu coordinador: Antonio Grunfeld.