Vigo acolle este xoves, día 15 de maio, a estrea oficial do videopodcast Somos Acubillo, no que un grupo de persoas en exclusión económica e social grave falan da desigualdade social e de como esta se materializa en problemas de acceso á vivenda ou en dificultades para atopar un traballo. Tamén denuncian a barreira que supón a burocracia para as persoas en exclusión social ou económica e reflexionan sobre como todo o anterior afecta á saúde mental.

Todas as persoas que o desexen poden achegarse ao auditorio do CIFP Audiovisual de Vigo o xoves 15, ás 19h, e escoitar o relato en primeira persoa de Miguel, Yasseyda, Alfonso, Mahyreth, Belén, Rosa Esther, Rosbelys ou Euro. Serán elas e eles mesmos os encargados de presentar ao público o froito do traballo de xornalismo cidadán que desenvolveron durante os últimos meses e de respostar as dúbidas que poidan xurdir entre o público.

Somos Acubillo é un podcast no que un grupo heteroxéneo de persoas, de diferentes idades e nacionalidades, empregan exemplos concretos, do seu día a día, para explicar cómo a desigualdade social impacta na vida das persoas, tanto galegas como migrantes. Con este produto audiovisual, deseñado, producido e protagonizado por eles e elas mesmas, culmina un proceso formativo en comunicación participativa e xornalismo cidadán que comezou a finais de outubro. O podcast entrelaza as historias de vida dos e das protagonistas con datos, opinións de rúa e coa información ofrecida por dúas expertas na materia: a presidenta de EAPN e directora de Provivienda en Galicia, Ana Pardo; e a técnica de Emaús Montse Roca.

UN PROBLEMA QUE AFECTA AO 25% DA POBOACIÓN GALEGA

O 25,5% da poboación galega atópase en risco de pobreza e exclusión social, segundo o último informe anual emitido pola Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión social no Estado Español. Esta situación, que afecta a 690.000 persoas cébase, especialmente, coas mulleres e coas e cos menores, escalando ata o 52,7% no caso dos fogares monoparentais. Case 230.000 persoas (un 8,2% da poboación total) sofren privación material e social severa en Galicia. O acceso á vivenda é un factor estrutural que xera e que acelera esta carencia material severa, ao facer prácticamente imposible saír da roda da vulnerabilidade.

A inestabilidade residencial impacta directamente no benestar físico e emocional das persoas que viven en fogares vulnerables, dificulta o acceso á educación e ao mercado laboral e supón un gasto xigante para as capas máis vulnerables da sociedade. De feito, o 19,5 % das persoas en situación de pobreza gastan na vivenda máis do 50% da súa renda. Así, existe unha poboación que sistematicamente quedou excluída do acceso á vivenda e ese foi, entre outros, un dos factores que aumentou a súa vulnerabilidade e a súa situación de exclusión, chegando, nalgúns casos, a convertela en extrema. Isto afecta especialmente a familias con rendas baixas, persoas migrantes ou solicitantes de asilo, familias monoparentais con fillos/as, persoas dependentes ou con persoas dependentes ao cargo e paradas de longa duración. Esta “aceleración multifactorial da exclusión” afecta, cada vez, a máis mulleres e persoas estranxeiras.

Somos Acubillo é un proxecto deseñado por Agareso, en colaboración con Provivienda, que conta coa colaboración de Fundación “la Caixa” a través da convocatoria de proxectos sociais Galicia 2024. O seu obxectivo é axudar a que este grupo de 24 persoas adultas en situación de vulnerabilidade residencial poida trasladar á sociedade as súas necesidades e demandas. As persoas que se acheguen o xoves 15 de maio ás 19h ao auditorio do CIFP Audiovisual de Vigo poderán coñecer as súas historias, narradas en primeira persoa por eles e elas mesmas. Despois da estrea, o produto do seu traballo poderá verse, tamén, na nosa web e redes sociais.