O Centro Galego de Arte Contemporánea acolle este venres, día 9, a estrea das curtametraxes coas que 21 mozas e mozos de entre 14 e 20 anos quixeron chamar a atención sobre o impacto que ten a vulnerabilidade familiar, social e económica na saúde mental das adolescentes en risco de exclusión. A proxección, na que participarán as autoras e autores, será ás 18h e o acceso será libre e gratuíto.
A rapazada da Tribo é moi diversa e non se coñecía previamente, pero o interese pola saúde mental foi unánime dende o primeiro momento. Querían aproveitar a oportunidade que lles ofrecía o obradoiro de comunicación participativa do proxecto para informarse sobre os principais transtornos que observan no seu día a día: a ansiedade, a depresión e as adiccións, para poder despois trasladar o aprendido ao conxunto da sociedade.
Fixeron enquisas na rúa, para comprender o que pensa a sociedade sobre a saúde mental das e dos adolescentes, e entrevistaron a psiquiatra Iria Veiga, que lles explicou os síntomas e as causas das afeccións que máis lles preocupan, así como dos recursos dispoñibles para mellorar a vida das persoas que as sofren. Con ela, falaron de xenética, de hábitos e do extraordinario impacto que ten o contexto sobre a saúde mental das persoas. Nas dúas pezas xornalísticas que realizaron, advírtennos sobre o tremendo impacto que ten na saúde mental a vulnerabilidade económica e social durante a infancia e a adolescencia. E poñen no punto de mira a carencia de recursos, a psiquiatrización, a sobremedicación e a violencia que sofren as persoas con estes transtornos por parte da sociedade e das institucións.
Quixeron complementar o achegamento xornalístico con dúas curtas de ficción nas que abordan a soidade, a violencia, as adiccións, a ausencia de vínculos e o suicidio adolescente. Un achegamento aos distintos xeitos que atopan as adolescentes en situacións familiares desvantaxosas para afrontar o conflito, cando a sociedade mira para outro lado.
Poderemos ver o resultado de todo o seu traballo o venres 9 pola tarde no CGAC, cando tamén se estreará a campaña A nosa saúde mental (tamén) depende de ti, coa que queren chamar a atención das familias, das e dos docentes, das e dos profesionais da saúde e da clase política.