Este ano, EpDLab renóvase e traballará cun novo enfoque: a alfabetización mediática desde os dereitos humanos.

Tras máis dunha década de traxectoria, EpDLab converteuse nun proxecto educativo cohesionado e estable que acompaña os grupos participantes a longo prazo, co obxectivo de seguir traballando en conxunto por unha educación para o desenvolvemento e a cidadanía global.

Para iso, fortalecemos a rede creada ao longo dos anos co fin de mellorar as habilidades de reflexión crítica e participación social do alumnado e do profesorado de ESO, mediante a intervención en catro IES de Galicia (Boiro, Silleda, Viana do Bolo e Brión).

Un dos eixes do proxecto é o uso da comunicación dixital como estratexia de transformación social, de modo que o alumnado fortaleza o pensamento crítico, a creación de contradiscursos e a construción de solucións colectivas para loitar contra a desigualdade. Nesta fase 12, a partir das conclusións das fases anteriores, introducimos enfoques e actividades novidosos que responden ás principais recomendacións dos grupos participantes. Dúas das apostas máis importantes son:

  • Adoptar o enfoque de dereitos como eixe transversal, poñendo en valor as loitas que permitiron conquistar eses dereitos e lembrando a súa fraxilidade, ao tempo que se vinculan cos ODS e co valor da cooperación como ferramentas para reducir as desigualdades.
  • Promover a mobilización do alumnado e a súa implicación no voluntariado, visibilizando colectivos e organizacións locais que permitan vincular o local co global.

Esta nova fase arrincou o pasado xoves coa primeira reunión co profesorado participante. En breve comezarán os obradoiros co alumnado.