Coa chegada de outubro, poñemos en marcha a XI edición do proxecto EpDLab, unha iniciativa educativa desenvolvida por Agareso en diferentes centros de Galicia, que convida ao alumnado a empregar a comunicación dixital para reflexionar e traballar sobre temas como a igualdade de dereitos, a participación activa e a xustiza social.

Este ano traballaremos con profesorado e alumnado dos centros IES Praia de Barraña de Boiro, IES de Brión, IES Illa de Ons de Bueu, IES Pintor Colmeiro de Silleda e IES Carlos Casares de Viana do Bolo. Tamén participarán no proxecto o Grupo de Investigación Terceira Xeración (GI TeXe) da Facultade de Educación da USC e estudantes do Mestrado de Profesorado en ESO, Bacharelato, FP e Ensino de Linguas (MAES) da mesma universidade.

O equipo de EpDLab de Agareso xa se reuniu co profesorado implicado no proxecto e iniciou as primeiras actividades na aula, co obxectivo de coñecer e realizar un diagnóstico do alumnado de cada instituto, así como reflexionar sobre a estratexia que se implementará durante os próximos meses.

Ao longo dos vindeiros nove meses desenvolveremos diferentes obradoiros formativos, cada un deles dedicado a explorar temáticas diversas centradas na educación e nos dereitos humanos, as migracións, os colectivos culturais, o racismo e a xenofobia, a interculturalidade, a economía solidaria, a cooperación e o voluntariado, a sustentabilidade, o sexismo e a identidade. En cada obradoiro traballaremos con ferramentas TIC para xerar contido transmedia que permita ao alumnado aprender e reflexionar sobre o uso da tecnoloxía no proceso comunicativo.

Para saber máis sobre as actividades e facer seguimento do proxecto, podedes visitar a web de EpDLab.