O mércores tres de abril, tivo lugar a sétima xornada do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional. Nesta xornada as protagonistas foron as organizacións coma Igaxes e EAPN. A desigualdade, as minorías e as persoas en risco de exclusión social foron as temáticas nestas sesións.

Durante a primeira parte da xornada, tívose a posibilidade de contar coa ponencia de Xosé Cuns, director de EAPN, que nos proporcionou as bases conceptuais necesarias para poder falar das organizacións do terceiro sector. Amosounos que cada entidade ten unha visión política diferente mais que todas as organizacións entrelazan a súa actividade. EAPN Glaicia, por exemplo, é unha organización do Terceiro Sector de Acción Social implicada na loita contra a pobreza e a exclusión e a desigualdade social de xénero. Traballa polas mesmas causas, desde un enfoque de dereitos pola defensa dos intereses das persoas en situación ou risco de pobreza.

Xosé Cuns, asemade, explicou que é posíbel, dentro das organizacións do Terceiro Sector, o equilibrio entre: acción pública, que sería a relación cos medios de comunicación e a súa actividade; e a acción social, relacionado coa atención da organización ás persoas.

A segunda sesión, as alumnas puideron visitar o piso titelado de Igaxes en Santiago. Pedro Solla, responsábel de comunicación da organización, guiou ás asistentes a través das instalacións e explicou as claves de comunicación para saber e tratar a información vinculada con menores en risco de exclusión social, concepto que estivo durante toda a xornada formativa.