Ao longo destes últimos meses do ano, un equipo multidisciplinar de AGARESO está a desenvolver un proxecto de promoción da igualdade e de prevención da violencia machista, man a man coas ANPAs Andaravía do CEIP Pedrouzos (en Brión) e López Ferreiro (en Compostela).

Trátase dunha iniciativa das ANPAs que chegará a un total de 175 nenas e nenos de quinto e sexto de primaria, así como ás súas familias. A proposta ten como obxectivos básicos fomentar a participación social das familias e do alumnado, xerar conciencia crítica sobre as causas da desigualdade de xénero e da violencia machista e empoderar a rapazada a través do manexo e bo uso das tecnoloxías da comunicación. Para conseguir estes fins, xerarase unha campaña de comunicación participativa, promovendo a reflexión sobre as mensaxes e os produtos que recibimos a través dos medios de comunicación.

Durante os case tres meses nos que se desenvolverá o proxecto, un equipo conformado por Óscar Dacosta, Elena Martín, Rocío Cadahía e María Lobo impartirá diferentes obradoiros relacionados coa comunicación (audiovisual, radio e contrapublicidade) que frutificarán nunha campaña de comunicación elaborada pola rapazada, que realizará cuñas publicitarias contra o machismo, un spot sobre a igualdade de dereitos entre nenos e nenas e cartelería desmontando as mensaxes publicitarias que cousifican as mulleres.

Estes materiais de contradiscurso, enfocados a «mudar a narrativa», serán presentados ao remate da campaña. Así mesmo, elaborarase unha guía didáctica para que, en sucesivas ocasións, o centro poida pór en práctica estes obradoiros de xeito autónomo.

Foto: Nenas e nenos do CEIP Pedrouzos – Foto ANPA Andaravía