Ante a excepcional atención mediática que están a recibir as persoas refuxiadas da guerra de Ucraína na nosa comunidade, o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e Agareso, Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social, elaboramos un decálogo para xornalistas coa vontade de axudar ás e aos profesionais que traballan con información de conflitos. Por medio destas recomendacións, búscase contribuír a un mellor tratamento das persoas que se refuxian en Galicia tras fuxir da guerra, protagonistas das novas nos medios de comunicación. A vulnerabilidade deste colectivo require a máxima rigorosidade nas noticias que lle atanguen, por iso esta debe garantir a seguridade e dignidade das e dos protagonistas e presentalos como suxeitos de dereitos e non como vítimas. Ademais, cómpre coñecer os termos cos que referirse ás súas situacións persoais sen estigmatizar nin expoñer a ninguén a riscos innecesarios. A continuación, propóñense dez aspectos a ter en conta nas informacións relativas a conflitos bélicos, recollidos no acrónimo formado coa palabra R E F U X I A D A S.
A información sobre persoas refuxiadas precisa dunha terminoloxía específica que pode resultar confusa para as e os xornalistas e, en consecuencia, para o público que conforma a súa audiencia. Por iso, faise necesario recordar os conceptos consensuados por institucións internacionais para referirse ás persoas que, na súa fuxida da guerra, a violencia e a persecución, buscan refuxio noutro país. Hai glosarios elaborados por organismos internacionais que poden servir como referente en caso de dúbidas. Neste senso, cómpre citar o traballo da Comisión Española de Axuda ao Refuxiado (CEAR) e o seu “Dicionario do Asilo”.
É necesario buscar un equilibrio entre a información de contexto e a emocional, de maneira que as cifras sobre a guerra en Ucraína sexan incluídas nos relatos aportados polas persoas refuxiadas. Xuntos ofrecen á audiencia unha imaxe máis precisa da complexa realidade que se pretende contar e contribúen a establecer narrativas que promoven a empatía. Deste xeito evítase afondar na contraposición que distingue entre “eles” (poboación refuxiada) e “nós” (poboación de acollida), como se pertencésemos a realidades distintas e non a unha única realidade, onde todas e todos somos suxeitos iguais en dereitos.
O foco informativo ilumina determinadas inxustizas contra as que axuda a estruturar unha serie de ferramentas para combatelas. Porén, xera tamén sensación de abandono e indiferenza cando se esvaece. Aínda que cada medio de comunicación segue unha axenda e patróns propios á hora de cubrir a información relativa a un conflito bélico, o desexable sería darlle continuidade alén da guerra. Pese a que esta imprime unha dinámica de urxencia coa fuxida de milleiros de persoas, a acollida é un proceso longo, que implica moitas fases en moi diversos ámbitos (laboral, psicolóxico, económico, lingüístico). Polo tanto, é aconsellable manter a atención cara un colectivo vulnerable porque contribúe a recordar as súas necesidades e a mobilizar á poboación local na súa consecución.
- Web do Ministerio sobre a protección temporal a persoas ucraínas desprazadas forzosamente
- Web de CEAR con consellos para a cidadanía que quere axudar
- Teléfonos 24 horas por provincias
- Organizacións que xestionan en Galicia a primeira acollida dentro do programa de protección internacional: Accem, Provivienda, Diaconía, Ecos do Sur, Cruz Vermella, Diversidades, Movimiento por la Paz
Decálogo para a solidariedade coas persoas refuxiadas de CEAR (09 setembro, 2015). Punto 4, 5, 8.
A chegada de persoas refuxiadas xera nos países de acollida determinados discursos xenófobos que tentan arruinar a convivencia. Fronte a eles, é unha obriga das e dos xornalistas valorar en que medida son representativos da sociedade. Nese senso, os relatos que apelan aos sentimentos e ás emocións son empregados en comunicación como unha ferramenta para conectar coas audiencias por medio da empatía. Aínda que sexa conveniente, este recurso non debe substituír en ningún caso ao discurso dos Dereitos Humanos. As persoas refuxiadas foxen da violencia e teñen dereito a recibir protección e tamén unha acollida digna porque así o recollen tratados internacionais e europeos de Dereitos Humanos asinados polos países membros da UE. É dicir, o dereito de asilo non é algo que se ofrece de maneira voluntaria, senón un dereito humano universal inseparable doutros como o dereito a unha vivenda digna, a un traballo, a unha educación, á saúde ou á integridade física e psíquica. En resumo, debe potenciarse nas informacións sobre conflitos bélicos a condición das persoas refuxiadas como suxeitos de pleno dereito.
Decálogo para a solidariedade coas persoas refuxiadas de CEAR (09 setembro, 2015). Punto 1 e 2
Nunha realidade informativa hiperconectada, as e os xornalistas que traballan con persoas refuxiadas deben comprender que o impacto das súas imaxes pode transcender a audiencia do medio para o que traballan e chegar a calquera recuncho do planeta. Esta condición debe ser advertida polas e polos comunicadores, sen necesidade de que as persoas refuxiadas demanden límites ao seu uso por iniciativa propia. Cómpre recordar que son persoas inmersas nun proceso traumático e sen capacidade para expresarse no idioma que dominan. Polo tanto, a responsabilidade última é da e do profesional que solicita a imaxe. A súa utilización debe cinguirse ademais ao motivo polo que foi realizada, de maneira que non sexa empregada como recurso para ilustrar outros acontecementos. Nesta liña, cabe levar ao extremo a protección das e dos menores e preguntarse en que medida axuda expoñer as súas imaxes para comprender o relato ao que acompañan. Por último, ante o uso dunha determinada imaxe sempre é aconsellable poñerse no lugar da persoa retratada e reflexionar se nos gustaría que nós ou alguén do noso entorno fose exposto dese xeito.
Facer xornalismo sen etiquetas. ACNUR. 2019. (p. 5)
Os medios de comunicación son unha peza fundamental para que a cidadanía de acollida dispoña dunha capacidade crítica para valorar a realidade en que vive. Conscientes da vulnerabilidade do colectivo co que traballan, as organizacións e as institucións que coordinan o proceso de protección das persoas refuxiadas elevan a esixencia de rigor informativo. Esta demanda de excelencia debe ser interpretada nas redaccións coma un estímulo de mellora e de aprendizaxe e non coma un ataque ao seu labor. Para facilitalo, resulta fundamental establecer canles de confianza que permitan ás e os profesionais da comunicación resolver dúbidas ou clarificar realidades complexas en caso de ser preciso. Entre outros, en Galicia recoméndase a achega a estes dous organismos:
Os relatos sobre as persoas refuxiadas xiran moitas veces arredor da dor e do sufrimento, pois recollen as razóns violentas da fuxida, as penurias do tránsito e as inquedanzas de cara ao futuro. Fronte a iso, os medios teñen a oportunidade de adoptar enfoques positivos: historias de superación, ledicias e soños por desenvolver. Desta maneira, preséntase a diversidade destas persoas, con múltiples intereses e talentos, máis alá da súa condición de refuxiadas e vítimas. Este tipo de narrativas contrarresta a propagación de estigmas e favorece a súa recepción nas comunidades de acollida. Cómpre recordar aquí que moitas das persoas refuxiadas exercen como voluntarias nas organizacións que xestionaron a súa acollida, onde axudan como intérpretes nos novos recibimentos.
Facer xornalismo sen etiquetas. ACNUR. 2019 (p. 9)
Aínda que os conflitos bélicos imprimen unha urxencia á información que favorece formatos máis subxectivos como a crónica, as e os xornalistas deben ter presente que as protagonistas sempre son as persoas refuxiadas. Os seus relatos persoais, construídos a partir das súas vivencias previas e posteriores ao conflito, aportan á audiencia claves fundamentais para comprender o contexto en que se desenvolven as accións que acontecen. Neste senso, o traballo das e dos profesionais da comunicación debe servir para facer chegar esas claves á cidadanía da maneira máis clara e precisa. Como norma, cabería preguntarse en que medida axudan as emocións das e dos comunicadores ou as súas experiencias no terreo para comprender a información que se transmite á audiencia dos seus medios. Tamén cabería demandar ás e aos xornalistas unha reflexión sobre os obxectivos e os efectos das mensaxes emitidas a través das súas contas persoais en redes sociais desde o terreo.
As persoas que foxen da guerra, as súas familias ou amizades poderían sufrir represalias se as súas opinións fosen coñecidas no seu país de orixe. Por iso, antes de ser entrevistadas deben ser informadas sobre o uso que se fará das súas declaracións e imaxes. Na medida do posible, sería aconsellable ter a súa aprobación por escrito. No caso de menores de idade, ademais de contar coa aprobación dos pais ou titores, débeselles preguntar tamén a eles e a elas para que sexan partícipes da decisión. Do mesmo xeito, debe ofrecerse a todas e todos a posibilidade de ocultar a súa identidade baixo un nome falso ou eludir calquera imaxe que as e os faga recoñecibles en redes sociais.
Facer xornalismo sen etiquetas. ACNUR. 2019 (p.9)