O Seminario de Cooperación Internacional e Comunicación Social impartido por AGARESO proseguiu cunha nova sesión sobre cooperación para o desenvolvemento a cargo de Alejandro Quiñoá. Alejandro leva a xestión de Asemblea de Cooperación pola Paz en Galicia e asume a xestión de proxectos en Centroamérica e Colombia. Grazas á súa longa experiencia coñece desde o traballo relacionado coa xestión ao redor das subvencións até o traballo de campo en diferentes países e continentes.

Durante as dúas primeiras horas explicou os conceptos básicos a ter en conta cando se fala de cooperación, así como a súa historia, de onde se parte, experiencias propias e as claras diferenzas entre cooperación e axuda humanitaria. “Falar de cooperación internacional en tempos actuais é moi interesante, porque a crise de Ucraína puxo no caldeiro varias discusións e debates”, afirmou. Para Quiñoá o debate é unha ferramenta fundamental para avanzar no campo da cooperación, descubrir e aprender, polo que convidou aos e as asistentes a interromper e preguntar sen medo.

A presentación, que o relator cualificou como “postmoderna”, empezou introducindo exemplos actuais sobre cooperación internacional e axuda humanitaria para ir aos poucos atrás no tempo até chegar aos inicios deste sector. As dúas primeiras horas de relatorio iniciáronse cunha mensaxe clara: “A cooperación non son unicamente os proxectos que facemos as ONGs”.

A segunda parte da sesión estivo protagonizada por dúas invitadas que trouxo ACPP-Galicia. Yezli Mic e Queen son integrantes do colectivo Hip Hop Femenino El Salvador, que Quiñoá cualificou como “artivistas”, xa que fan activismo desde a arte. Aproveitando que as salvadoreñas atopábanse en España asistiron de maneira presencial a esta sesión do Seminario na Facultade de Comunicación en Santiago de Compostela.

As dúas artistas introduciron como é o traballo dos dereitos humanos nun país como O Salvador, tendo en conta que son mulleres que veñen dunha clase social determinada. Ao introducir o traballo de ambas, Alejandro Quiñoá anticipou, co fin de pór en contexto, que o sábado pasado foron asasinadas 62 persoas no Salvador, facendo a comparativa de que son cifras que moitas veces nin se alcanzan en zonas de conflito armado.

A sesión, como de costume, acabou con preguntas, reflexións e un pequeno debate tanto sobre a cooperación internacional como sobre o activismo polos dereitos humanos e a complicada tarefa destas artistas no seu país de orixe.