Esta tarde de mércores tivo lugar a novena sesión do IX Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional que organiza Agareso xunto coa Asemblea de Cooperación pola Paz. Desta volta, a xornada focalizou na exposición dalgunhas ferramentas para contar historias, historias que rematarán por converterse, en si mesmas, en obxectos de aprendizaxe.

Na primeira sesión, Agareso foi protagonista a través da experiencia de Roi Guitián, membro da asociación e fundador de Gingko. Roi pediu colaboración aos asistentes dende un primeiro momento, no que procurou achegar o concepto de Educación para a Transformación Social cunha dinámica que pedía aos alumnos e alumnas definicións que lles suxerise esta expresión. Deste xeito, o membro de Agareso introduciunos no mundo da Educomunicación, explicando a imposibilidade de entender o concepto de comunicación sen o de educación e viceversa. Nesta liña, expuxo a necesidade de capacitar a persoas para crear os seus contidos de forma libre e presentou ferramentas como o vídeo participativo como vía para dar voz a un colectivo a través da confianza, o autocoñecemento, responsabilidade, traballo en equipo, etc.

Tras unha breve pausa, Mingo Venero, fotógrafo documental, abriu a sesión amosando unha nova ferramenta para dar a coñecer historias. Mingo comezou a sesión con un repaso por algúns exemplos que el toma como referentes na historia da fotografía. Deste xeito, transmitiu aos asistentes unha idea clara do que ía ser o seu traballo: documentar historias a través da fotografía. Así, invitou á aula a un paseo polo seu carrete, presentando dende os seus traballos en Kenia, pasando por Marrocos e o Altiplano, e chegando a España. Temas como a migración subsahariana, a explotación do caucho nas comunidades indíxenas ou a pobreza infantil española, foron algunhas das historias que hoxe decidiu contar Mingo Venero decidiu a través do branco e negro aos alumnos e alumnas na Facultade de Ciencias da Comunicación.